Nin nos seus peores pesadelos podía imaxinar Charles que un forcexo co deportivista Lara ía saír tan caro. Se xa de primeiras a expulsión pareceu esaxerada, máis o foi despois ao coñecer o castigo, dous partidos de suspensión.
A sanción en condicións normais tería deixado ao atacante 15 días no dique seco, pero converteuse no conto de nunca acabar e nun auténtico pesadelo, porque debido a diversas circunstancias vai alongarse xa a mes e medio no que respecta a a liga.
Só a Copa do Rei deulle ao brasileiro algo de respiro, ao participar nas eliminatorias fronte ao Cartagena e o Cádiz.
Pola contra Charles cumpriu o seu primeiro encontro de suspensión na última xornada do ano, en Coruxo, quedando aínda a segunda das datas pendentes. Ese partido debía ser o do 10 de xaneiro contra o Guijuelo, pero ao aprazarse o dianteiro perderase a visita do Rácing de Ferrol ao Estadio Municipal de Pasarón.
Se non existen máis contratempos e como moi pronto, se se fixa para ese día a xornada aprazada, o ariete granate regresará ao once nun compromiso de liga o mércores 20, ou senón o domingo 24 de xaneiro no desprazamento ao campo do líder, Unionistas, 1 mes e 20 días despois das súas expulsión fronte ao Deportivo.
Polo menos, como alivio para Jesús Ramos, só suma a esa baixa as ausencias por lesión de Romay e Adrián Cruz, estando o resto do plantel á súa disposición.