Pasadas poucas horas desde a súa retirada oficial como futbolista en activo, Charles Dias concedeu este luns a PontevedraViva a súa primeira entrevista xa como ex-xogador (seguíronlle outras esta mesma xornada), e fíxoo non só para repasar a súa traxectoria ou as sensacións vividas na súa retirada, senón para falar dun futuro que segue vendo ligado ao Pontevedra Club de Fútbol. Sentado na súa butaca de socio na bancada de Tribuna, un vínculo "para toda a vida", o brasileiro comparte as súas ambicións, esperanzas e as súas ansias por poñerse xa a traballar nas súas novas funcións, aínda por concretar.
- É a túa primeira entrevista como ex-futbolista. Créelo xa?
A verdade é que aínda non o sinto así, non se me caducou a ficha aínda. O meu pai dicíame que estaba para xogar máis dun ano, que se me vía ben, pero necesito xa parar, teño o xeonllo tocado e creo que é o momento de parar. É unha decisión que non é de agora, tomeina hai tempo. Todo ten un principio e un fin.
- Pasadas as horas e analizado o vivido no teu último partido. Esperabas recibir tanto agarimo de compañeiros, rivais, afeccionados...?
Quedei pensando despois na casa niso. Quedo con ese agarimo. Non só nese partido, desde que volvín a Pontevedra, antes tamén pero cando volvín moito máis, e o sábado dixen miña nai. É algo moi gratificante para min, porque penso de onde saín e onde cheguei.
- Aterraches con 19 anos cun Pontevedra en Segunda División, debut como un ciclón con chilena e expulsión en 3 minutos... Imaxinabas entón unha traxectoria así e retirarte como máximo goleador histórico do club?
Non, para nada. Cando cheguei aquí non coñecía Pontevedra, a cidade, o club, era algo todo novo para min, pero encantoume. A afección, en Segunda División era todos os partidos cheos, o antigo Pasarón tiña o seu encanto. O que non me esparaba é xogar tantos anos con este club e sentir o agarimo que sinto da xente cara a min.
- A pena é que a Segunda División durou moi pouco. Había proxecto para volver e non se conseguiu. Despois volviches con ese obxectivo e tampouco. É a maior espiña cravada da túa carreira?
Claro que si, é a espiña que teño cravada, non conseguir volver co Pontevedra a Segunda División, ao fútbol profesional. Pero temos que mellorar todo. A espiño quedo con ela, porque eu sigo aquí e oxalá poida estar, que estarei porque serei socio toda a vida do Pontevedra, pero oxalá que poida participar en levar ao club non só a Segunda, tamén a Primeira División porque eu xoguei en Primeira moitos anos e como club, o Pontevedra merécese estar en Primeira, ten ese potencial, como entidade, como cidade, como afección merécese non estar un ano, senón moitos anos en Primeira.
- Falas de participar activamente. Tes que defnirlo aínda co club pero que te ves facendo a medio prazo? Máis nos despachos, adestrando á base ou ao primeiro equipo?
Agora mesmo non o sei aínda, seguramente nos despachos, pero teño os tres niveles de adestrador xa, adestro á base, a un equipo, no que está o meu fillo. Eu pensaba que non me ía a gustar adestrar e cando empecei xa me picou o gusanillo e estame encantando adestrar os nenos.
- O Pontevedra caeu á cuarta categoría coincidindo co ascenso do Racing de Ferrol a Segunda, un club que por tamaño de cidade e características pode ser un proxecto do que tomar exemplo.
"Teño os tres niveles de adestrador xa. Eu pensaba que non me ía a gustar adestrar e cando empecei xa me picou o gusanillo e estame encantando adestrar os nenos"
É un espello para mirarse. Imos tentar facer as cousas ben, desde abaixo para que podamos quitar esa espiña tanto a miña como a de todos os afeccionados. Non ascender e baixar, senón ascender e quedar, e ascender e ascender todo o que se poida, que vaia a máis o proxecto.
- Volvendo á túa carreira, por ela pasaron moitos equipos, compañeiros, adestradores... Algún que che marcara máis que o resto? Ocórreseme por exemplo Javi Gracia polos anos que pasaches con el pero tamén por ese cambio de posición cara á punta de ataque.
Javi Gracia foi o adestrador que me entendeu máis a nivel persoal, profesional, onde me puxo, e con el sempre rendín ao máximo. Aquí rendín bastante, despois foi Almería primeiro que foi algo que non esperaba, meter 32 goles en Segunda División e ascender, e logo en Málaga tamén rendín moi alto. Foi o adestrador que máis partido me sacou e é o mellor para min.
- Eses anos con Javi Gracia, as eliminacións ante Córdoba e Ceuta, foron os paus máis duros, por iso de ser un proxecto moi potente, ou houbo outros como Sevilla por exemplo?
Foron paus importantes eses play-off de ascenso, pero creo que todos, porque antigamente quedabamos ou primeiros ou segundos, iamos ao play-off e non o conseguiamos. Era un pau estar todo o ano gozando e chegar ao partido final e non conseguilo. Iso afectoume moito e tamén aprendín moito á hora de estar nun partido con alta esixencia, seguramente eu fallei aí en termos emocionais, aprendín deses partidos para o futuro.
- Ademais en Sevilla viñase cun 0-2 da ida, falláronse ocasións incribles na casa para perder en penaltis, e co Córdoba puxémonos 2-0 en Pasarón.
"Javi Gracia foi o adestrador que me entendeu máis a nivel persoal e profesional"
É algo que non tiña que suceder, pero que lle imos a facer agora. Foi algo que me ensinou.
- Repasando a túa traxectoria retíraste xa non só pasando á historia no Pontevedra. Lembraráseche como o primeiro xogador en marcar un gol no Novo San Mamés.
Son cousas moi bonitas. O Athletic felicitoume persoalmente nas redes sociais. Sorprendeume que puxese un tweet dándome o parabén por ser o primeiro xogador en marcar no Novo San Mamés. É para estar agradecido e feliz porque ademais vivín alí tres anos, porque cando estaba no Eibar vivía en Bilbao, a miña filla naceu alí de feito. Marcar ese gol é algo moi especial.
- E queda un 'last dance' con ese partido homenaxe en Pasarón (mércores 31, 19.30 horas) con ex-compañeiros. Veremos aos teus curmáns Yuri e Igor? A quen máis?
Oxalá veña a xente, porque vai ser bonito, sobre todo porque vou reunir a exxogadores. Igor vén pero está co xeonllo mal, que se operou a semana pasada, e Yuri vai estar. Ademais vai vir xente que xogou aquí, que foi importante neste club. Por iso quixen isto, foi unha idea miña para que os afeccionados gozasen tamén desa xente que foi importante en Pontevedra. Quero que sexa unha festa, ojalála xente veña porque lle vai a gustar.
- Vai faltar Fran Rico pero por unha boa razón, ao ser o segundo adestrador dun Sevilla que ese mesmo día xoga a final da Europa League.
Fran non pode por un bo motivo, pero vai vir Javi Gracia tamén por exemplo, chameino a semana pasada e agradézollo moito, a el, aos que veñen e aos que non puideron tamén.