Charles: "Despedirse así é o soño de calquera xogador, o que pasou hoxe levareino para toda a miña vida"

Pontevedra
28 de maio 2023

O dianteiro brasileiro puxo este sábado punto e final a unha brillante carreira futbolística nunha xornada cargada de emoción, na que estivo rodeado de familiares e amigos e no que recibiu o agarimo de compañeiros e afeccionados. "Oxalá o meu fillo me dea unha alegría e poida vestir a camiseta do Pontevedra tamén", asegurou tras o partido

Charles, no partido entre o Pontevedra e o RC Deportivo en Pasarón MosRey Fotografía

Todas as miradas estaban este sábado postas no Estadio Municipal de Pasarón sobre Charles Dias de Oliveira. Non era para menos, e é que se retiraba do fútbol en activo o máximo goleador da historia do Pontevedra Club de Fútbol.

Máis aló do vivido no campo, cun corredor de honra previo dos dous equipos e tamén dos benxamíns do Pontevedra que el mesmo adestra, e outro máis dos seus compañeiros cando foi substituído, "foi un día raro", recoñeceu o brasileiro emocionado na sala de prensa tras o choque.

"Tentei difrutar ao máximo do partido pero estaba tenso", asegurou tras unha semana na que "chorei todos os días".

Con todo Charles asegura que "fun feliz" sobre o verde e nun club ao que defendeu ao longo de nove tempadas, en dúas etapas, ata converterse nun mito para os afeccionados. Non é para menos, e é que demostrou o seu amor á cor granate decidindo regresar ao club directamente desde a Primeira División.

Charles: "Oxalá o meu fillo me dea unha alegría e poida vestir a camiseta do Pontevedra tamén"

"Creo que é o soño de calquera xogador de fútbol terminar así. Ese agarimo é algo que vou ver os vídeos, os meus fillos vírono... O que pasou hoxe levareimo para toda a miña vida, tanto eu como os meus fillos, e oxalá o meu fillo déame unha alegría e poida vestir a camiseta do Pontevedra tamén", recoñeceu o dianteiro agradecido do apoio da súa familia, amigos, compañeiros, adestradores, afeccionados e sobre todo da súa muller "que estivo nos momenos bos e malos, nas lesións, estivo sempre".

Foi unha carreira longa que lle levou a golear polos campos de Primeira División. "Cheguei aquí como un neno aos 19 anos e voume como moi satisfeito", sinalou aínda que "o único que mancha o de hoxe é o descenso do equipo, non me quería despedir así".

Agora queda xa mirar ao futuro como exfutbolista pero ligado igualmente ao seu querido Pontevedra. "Isto segue, o club segue, non se como imos facer aínda. O luns temos que sentarnos e ver o que podemos facer, pero oxalá sexa tan bonito como foi no verde", avanzou Charles. Porque a pesar de que entre os seus plans estaba hai un tempo vivir noutro lugar tras a retirada "cambiamos o noso futuro nos últimos meses e imos vivir aquí, oxalá que para sempre".