É un dos nomes propios do Pontevedra Club de Fútbol esta campaña. Xa o foi a pasada, pero os números a nivel individual non lle terminaron de saír con só 5 tantos, todos eles desde o punto de penalti.
Charles volveu a ser ese dianteiro temible polas defensas rivais, vendo porta con facilidade desde a primeira xornada de liga, o que lle permitiu coarse na pelexa por ser o pichichi da categoría.
O brasileiro suma xa 7 goles nas 9 primeiras xornadas de liga, sendo o máximo artilleiro do grupo e só superado por dous xogadores en toda a Segunda RFEF, Iván Martínez (Mutilvera) e Juan Delgado (Ibiza Pitiusas) que contan con 8 tantos nos grupos II e III.
Eses goles de Charles foron claves para os granates, primeiro cando non terminaban de arrincar e agora para manter a súa serie de triunfos e ascender á terceira posición, pero hai un aspecto que destaca, e é que a maioría desas dianas (5) chegaron da mesma maneira, con remates coa cabeza.
É unha das súas especialidades, buscando sempre a mellor posición dentro da área e adiantándose aos defensas rivais, así o demostrou xa na primeira xornada no empate contra o Compostela, no que logrou ver porta por primeira vez.
Tamén na segunda xornada o 18 do Pontevedra conseguiu perforar a meta rival cun soberbio remate de cabeza, en Móstoles, cun gol que supoñía a remontada momentánea antes de que os locais acabasen conseguindo o 2-2 final.
Na xornada 4 chegou o seu seguinte tanto, fronte ao Bergantiños, aínda que desde o punto de penalti, pero só unha semana despois na visita do Arenteiro a Pasarón volvía anotar de cabeza. Foi no seu primeiro dos dous goles da tarde (o segundo foi co pé dereito para remachar un centro de Churre) que serviron para salvar un punto que parecía imposible cun equipo en plena crise.
A partir desa xornada chegou a reacción dos de Ángel Rodríguez, e aínda que o brasileiro non viu porta en Luanco si o fixo unha semana despois abrindo a goleada en Pasarón á UD Llanera no día do 80 aniversario do club, de novo cun remate coa testa adiantándose ao seu defensor.
O último dos goles nesta conta chegou este pasado domingo, co inicio da remontada ante o Coruxo, ao rematar un centro de Brais Abelenda ao segundo pau. Era o empate momentáneo, previo ao tanto de Javi Rey no desconto que fixo explotar de xúbilo á afección e que deu a cuarta vitoria consecutiva ao equipo. E que sexan moitas máis.