Charles cre que "o fútbol está a ser inxusto" co Pontevedra e avisa: "Neste equipo ninguén baixa do barco"

Pontevedra
02 de marzo 2021

Cando o atacante brasileiro decidiu regresar a casa, ao Pontevedra Club de Fútbol, non imaxinaba nin nos seus peores pesadelos que o seu equipo ía chegar ao tramo final da primeira fase ao bordo do precipicio. A pesar diso, e coa visita a Riazor no horizonte, móstrase confiado no plantel asegurando que "quedan tres partidos e imos tentar conseguir 9 de 9"

Charles, no amigable entre Pontevedra e Deportivo en Pasarón Mónica Patxot

Cando Charles Dias decidiu no verán regresar a casa, ao Pontevedra Club de Fútbol, non imaxinaba nin nos seus peores pesadelos que o seu equipo ía chegar ao tramo final da primeira fase ao bordo do precipicio, xusto no momento de visitar a outro grande en problemas, o Real Club Deportivo.

"Na miña cabeza pensaba que ía ser todo máis tranquilo, pero isto é o fútbol", recoñece a PontevedraViva o brasileiro. "Ti vas pensando que vai ser dunha maneira e é doutra, pero non hai que pensar niso , hai que pensar en traballar a diario para mellorar cada semana".

Charles: "Somos o Pontevedra, a todos os campos imos gañar. Quedan tres partidos e imos tentar conseguir 9 de 9"

Iso pasa irremediablemente por gañar o domingo 7 en Riazor e tamén por non fallar máis como mínimo ata o final da primeira fase. "Somos o Pontevedra, a todos os campos imos gañar. Quedan tres partidos e imos tentar conseguir 9 de 9", mantén o dianteiro lamentando que as " circunstacias, lesións e un pouco de todo" empuxasen aos granates a estar sétimos e xa sen opcións de entrar entre os tres primeiros "xusto este ano, co cambio de formato".

"Creo que o fútbol está a ser un pouco inxusto con este equipo e oxalá que o domingo consigamos seguir xogando igual e que o balón entre", asegura Charles, porque sobre todo desde a chegada de Luisito ao banco "estamos a xogar ben, creando moitísimas ocasións por partido. Antes non creabamos tantas. Estamos a xogar mellor que o rival e merecendo gañar", resume.

Fiel á súa filosofía, e aínda que veñan mal dadas, o 18 do Pontevedra non pensa en baixar os brazos. "Neste equipo ninguén baixa do barco", defende sobre un plantel que "estivo sempre unido, nas vitorias e nas derrotas". 

Sobre o seu novo adestrador, o emblema do actual proxecto deportivo no club de Pasarón sinala que "Luisito é un adestrador con experiencia, que sabe apertar aos xogadores", confiando en que iso se traduza por fin en resultados empezando pola "final" do domingo en Riazor ante o que se presupoñía como "o equipo para bater, co maior orzamento de toda a historia da categoría".

Será segundo Charles "un partido complicado tanto para eles como para nós", porque o Deportivo terá "a presión por vencer" e "a nós só nos vale unha, que é gañar". Non existe outra opción.