Chamamento á afección do Arxil para o partido deste sábado contra o León

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

As de Mayte Méndez chegan á cita con moi bos datos e buscarán manter esas sensacións onde será clave "manter o ritmo de xogo e a fiabilidade como local"

Partido entre CB Arxil e Magectias no CTGD Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil fai un chamamento á súa afección para que acuda ao CGTD este sábado ás 19:30 horas e o leve polo aire cara á terceira vitoria consecutiva desta segunda volta e consolidar a súa posición entre os catro primeiros clasificados.

En fronte terá a un Universidad de León que non llo poñerá fácil, a pesar de estar en décima posición e acumular unha mala serie de tres derrotas consecutivas.

Desde o conxunto pontevedrés destacan do rival a súa agresividade desde a liña exterior e a súa boa man en tiros de tres, ademais da súa garra á hora de pelexar cada balón. "Se lles deixas facer o seu xogo, complícanche a vida", engaden.

Pola súa banda, as de Mayte Méndez chegan á cita con moi bos datos e buscarán manter esas sensacións onde será clave "manter o ritmo de xogo e a fiabilidade como local".

A adestradora lerezana poderá contar con todos os seus efectivos fóra de Carmen Ortiz, que non puido adestrar en toda a semana.

Os árbitros do encontro serán Martín Trasancos e Julián Rico.