CGTD, Pazo da Cultura e Alameda serán os tres núcleos operativos do ITU Multisport Festival

Pontevedra
13 de decembro 2018

Ao redor destas tres áreas da cidade concentraranse os distintos dispositivos da organización e a Federación Española de Tríatlon durante os Campionatos do Mundo de 2019 que se celebrarán entre o 27 de abril e o 5 de maio

O CGTD, durante o Mundial de Dúatlon 2014 Diego Torrado

Conforme se achega o evento, a organización dos campionatos do Mundo de tríatlon, o ITU Multisport Festival que acollerá Pontevedra en 2019 empeza a tomar forma.

Tras as últimas reunións celebradas, avanzáronse diversos aspectos, empezando pola seguridade e seguindo co despregamento que se fará notar por toda a cidade.

Neste aspecto tres serán os centros neurálxicos dos campionatos, que se celebrarán entre o 27 de abril e o 5 de maio: o Pazo da Cultura, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a Alameda.

No primeiro destes lugares, o Pazo da Cultura, terán o seu espazo os servizos da Unión Internacional de Tríatlon (ITU), mentres que no CGTD estarán todos os servizos operativos do ámbito deportivo como os xuíces, organización, loxística ou comunicación.

Por último o máis visible para os veciños da Boa Vila será o despregamento previsto en pleno centro da cidade, na Alameda, entendendo por iso tamén Praza de España e Montero Ríos. Alí instalarase unha carpa que acollerá a vila do triatleta e os espazos de recepción, retirada de dorsais e outros servizos. Tamén nesa zona desenvolverase o programa de lecer e a maior parte dos espectáculos, así como as cerimonias de inauguración e clausura.