Catrocentos aventureiros xa se anotaron para competir polos bosques de Caldas

Umia
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Máis de catrocentas persoas están anotadas xa para participar na carreira de orientación que organiza o Concello de Caldas de Reis polos montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa e que se realizará o vindeiro sábado 6 de abril

Primeira carreira de orientación urbana celebrada polo Concello de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Máis de catrocentas persoas están anotadas xa para participar na carreira de orientación que organiza o Concello de Caldas de Reis polos montes de Santa María, Santo André e Arcos da Condesa e que se realizará o vindeiro sábado 6 de abril.

"Estamos moi gratamente sorprendidos", sostén o tenente de alcalde, Manuel Fariña, que avanza que a boa recepción que está a ter este tipo de probas fará que o Concello consolide e amplíe a programación de competición deportivas en auxe, entre elas a orientación ou o trail.

Para a proba de orientación por bosque do sábado 6, apunta Fariña, había unha previsión de participación que se está a redimensionar coa empresa Xesta Natureza no relativo á organización co fin de garantir a seguridade e calidade da experiencia para as persoas inscritas. 

As persoas que queiran participar aínda poden facer a inscrición de maneira individual ou por grupos (ata 4 participantes por equipo).

As categorías son ‘xestiñas’, para crianzas, cunha proba sinxela física e tecnicamente de menos de 3 quilómetros en total; ‘xestas’, unha categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e menos de 4 quilómetros en total; e ‘xesteiras’, para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto (de máis de 5 quilómetros en total).

A diferenza da proba de orientacion urbana, nesta ocasión disputarase en formato rogaine, o que implica que todos os participantes sairán ao mesmo tempo e poderán escoller a orde na que recollen cada baliza, tendo en conta que terán diferentes puntuacións.

A organización facilitará unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas, debendo acumular o maior número de puntos posibles dentro do tempo marcado pola organización.

"Que veña toda a xente que queira!", animou Fariña, lembrando que apuntarse é de balde e que o Concello está a acumular experiencia para poder acoller no futuro actividades máis complexas e completas, incluso con actividades paralelas.