Catro duelos inéditos e tres contas pendentes para o Pontevedra na súa estrea na Primeira RFEF

Pontevedra
24 de xuño 2022

Os granates volverán ver as caras a próxima tempada con tres equipos contra os que non se volveron a enfrontar desde que lle eliminasen en senllos play-off de ascenso a Segunda División, como son Córdoba, Ceuta e Alcorcón. Tamén visitarán catro prazas que nunca pisaron nas súas xa máis de 80 anos de historia

Partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e RC Deportivo da tempada 2020/2021

O Pontevedra Club de Fútbol empeza a dixerir o que dará de si a próxima tempada a Primeira RFEF tras a confirmación dos dous grupos de competición, quedando encadrado con equipos andaluces, estremeños, leoneses, madrileños e o Ceuta, ademais do resto de galegos.

Será unha campaña de emocións fortes no Estadio Municipal de Pasarón, polo que pasarán proxectos de gran nivel en busca do fútbol profesional e tamén clubs cunha importante historia, desde un campión de liga como o Deportivo seguindo por unha Cultural Leonesa controlada por capital catarí, recentemente descendidos desde a Segunda División como o Alcorcón e o Fuenlabrada ou un Córdoba que recentemente chegado como o Pontevedra apunta a ser un dos equipos para bater.

Mirando á historia danse ademais datos curiosos, como que os granates verán as caras por primeira vez nas súas máis de 80 anos de vida con catro clubs, cos que nunca coincidiu en competición oficial. Así pasará por exemplo con tres conxuntos andaluces como o Algeciras, o San Fernando e o Linares. Os duelos inéditos complétaos un Mérida que nunca visitou Pontevedra nas súas diferentes etapas (con varias refundacións ás súas costas).

Doutra banda a tempada ofrecerá a oportunidade de saldar vellas contas pendentes na memoria granate, e é que o Pontevedra medirase aos verdugos de tres dos seus catro últimas fases de ascenso a Segunda División. Serán concretamente o Córdoba, con quen cedeu nas semifinais polo ascenso do curso 06-07 despois de senllos empates (0-0 en Córboda e 2-2 en Pontevedra); un Ceuta ante o que caeu na campaña 07-08 (1-1 na cidade autónoma e 1-2 en Pasarón); e o Alcorcón, que eliminou os pontevedreses na tempada 09-10 nunha eliminatoria tremendamente polémica (0-0 en Pasarón e 3-0 en Alcorcón). Desde eses encontros ningún deles volveu a cruzarse no camiño do Pontevedra.

No que respecta a a liga regular, a tempada 86-87, co grupo único da Segunda B, é o único precedente nos cruces ante a Real Balompédica Linense (triunfo en Pasarón e derrota fóra da casa) e tamén ante o propio Ceuta antes de ser refundado (1-0 en Pasarón e 4-1 en contra na cidade autónoma).

Tamén fronte ao Badajoz existe un único precedente en liga regular, na tempada 2010-2011 (derrota 3-1 en Estremadura e 0-0 na Boa Vila), ao que se suma a liguiña de ascenso da tempada 03-04, de gran recordo para os granates ao ser a que supuxo o seu último ascenso a Segunda División (0-0 en  Pasarón e 0-2 no Nuevo Vivero).

Só dúas tempadas cruzouse pola súa banda o Pontevedra co Internacional de Madrid (3 partidos ao ser un ano o da suspensión pola pandemia cun balance de só un empate e dúas derrotas), e con Unionistas de Salamanca (2 empates e 2 derrotas);  e tres co Rayo Majadahonda (5 partidos con 2 vitorias e 3 derrotas).

A partir de aí o seguinte na lista é un Alcorcón ante o que se enfrontaron 5 tempadas en Segunda B (3 vitorias, 2 empates e 5 derrotas).

Co Córdoba o conxunto pontevedrés coincidiu 10 tempadas, a maioría en Primeira e Segunda División pero tamén na categoría de bronce na 86-87 (7 triunfos granates, 6 empates e 7 derrotas).

Con tres equipos madrileños os da cidade de Lérez compartiron 12 campañas. Trátase da UD Sanse (23 partidos con 12 vitorias, 4 empates e 7 derrotas), o Fuenlabrada (24 partidos con 10 vitorias, 4 empates e 10 derrotas), e o Real Madrid Castilla (24 partidos con 8 triunfos, 4 empates e 12 derrotas), aínda que neste último caso cun precedente na liguiña de ascenso do curso 01-02 (derrota 5-0 en Madrid e empate 1-1 en Pasarón).

Chegando aos equipos galegos, a pesar de estar sen enforntarse varias décadas, desde a 84-85 ata a 20-21, o Pontevedra mediuse en liga 18 partidos co  RC Deportivo ao longo de 9 tempadas (5 vitorias, 4 empates e 9 derrotas), só dúas delas no terceiro chanzo do fútbol nacional. Pola súa banda co Celta B coincidiu 18 tempadas completando 35 encontros (18 vitorias, 9 empates e 8 derrotas). Mención á parte merece o Racing de Ferrol, todo un clásico que se deu en 25 tempadas entre a Segunda e a Segunda División B, un total de 50 encontros nesas categorías cun balance tremendamente igualado (22 vitorias, 9 empates e 19 derrotas).

O duelo co Racing é o máis repetido para os granates, pero séguelle de preto o último dos equipos co que compartirá grupo, unha Cultural Leonesa coa que coincidiu en 23 tempadas. Un total de 46 partidos (12 vitorias pontevedresas, 18 empates e 16 derrotas).