Casting para ser "A Voz" de Pasarón

Pontevedra
18 de agosto 2021

As audicións, ás que foron convocadas doce persoas, terán lugar este xoves en  Pasarón e consistirán en recitar unha aliñación e algún cambio. O estilo será decisivo para elixir ao novo speaker do templo granate

Estadio de fútbol de Pasarón Mónica Patxot

Pasarón terá unha nova voz esta tempada e no Pontevedra queren que sexa a dun afeccionado. Por iso, o club convocou un casting ao que xa se anotaron unha ducia de persoas para decidir quen será o novo encargado da megafonía.

O seu labor será o de comunicar as aliñacións, os cambios e informar o público sobre calquera asunto de interese. Non só iso, tamén se encargará de cantar os goles, animar á inchada e participar na confección da banda sonora do estadio nos momentos previos ao comezo do partido.

A cambio, debe comprometerse a acudir aos 18 partidos de liga que o Pontevedra disputará como local. Puntualizan desde o club que se trata dunha tarefa voluntaria, como as persoas que realizan os controis de acceso ou que se encargan de atender as necesidades do público, representantes de clubs, técnicos e futbolistas no interior de Pasarón. Ao elixido, o club facilitaralle un uniforme e terá garantido o acceso gratuíto ao estadio cada domingo.

As audicións están previstas para este xoves e desde o gabinete de comunicación xa pediron aos solicitantes que se presenten na bancada de tribuna cun texto preparado. A proba consistirá en recitar unha aliñación e os cambios, pero cada un co seu estilo.

As razóns que levaron á directiva para convocar este casting débense, principalmente, a que en tempadas anteriores era desempeñada por persoal do club e compaxinábana con outras funcións. Agora, para dar un salto de calidade ao servizo, queren que sexa unha única persoa a responsable da megafonía. E é aí cando a afección, á que xa recorreu o club para rodar o anuncio da campaña de abonados, volve entrar en xogo.

"Queremos involucrar á afección no día a día do club. Igual que temos voluntarios que nos axudan a xestionar os días de partido cremos que algo tan significativo como a megafonía de Pasarón pode ser unha actividade realizada por un afeccionado ao que lle faga ilusión", explican desde o gabinete de comunicación do club.