Carlos Pombo e os canteiráns Román Arboleya, Carlos Morales e Diego López Mora renovan co Cisne

Pontevedra
21 de xullo 2023

O equipo branco confirmou esta semana a continuidade destes catro xogadores que ampliarán o seu protagonismo no primeiro equipo o próximo curso ás ordes de Jabato. Pola súa banda, Carlos Morais dá o salto desde a base ao plantel sénior

Carlos Pombo nun partido de Liga Asobal entre Cisne e FC Barcelona

Os anuncios de renovacións non cesan no Cisne, que esta semana comunicou a continuidade de catro dos seus xogadores: Carlos Pombo, Román Arboleya, Carlos Morales e Diego López Mora.

Á marxe da ampliación de contrato de Pombo, xa consolidado no primeiro equipo, as outras tres renovacións deixan constancia do compromiso que mantén o equipo branco coa súa canteira. O pivote Arboleya e o extremo López Mora xa dispuxeron de minutos o pasado curso en Asobal e este ano serán parte importante do plantel que Jabato terá á súa disposición. Do mesmo xeito, Carlos Morales dá o salto definitivo ao equipo sénior tras completar a súa formación nas categorías inferiores. 

"Estou moi contento de poder seguir un ano máis no club”, coincidiron en afirmar os mozos Arboleya e López que inauguraron a principios de semana o carrusel de renovacións. "Estou moi contento, con moitas ganas de empezar a miña etapa sénior e achegar ao equipo todo o que poida", engadiu o debutante Morales agradecendo a confianza depositada nel por parte da directiva. "Estou seguro de que vai ser un gran ano", rematou.

O encargado de pechar esta serie de ampliacións de contrato foi Carlos Pombo. A través dun vídeo publicado nas redes sociais da entidade lerezana, o lateral mostrouse "superorgulloso de seguir formando parte desta familia".

Os catro seguirán defendendo as cores do Cisne polo menos unha tempada máis.