Campo Lameiro aposta polo I Trail do Cervo para promocionar a súa riqueza natural

Umia
11 de outubro 2023

A proba deportiva de montaña, con roteiros de 17 e 32 quilómetros, terá lugar o sábado 4 de novembro

Presentación do I Trail do Cervo Concello de Campo Lameiro

O deporte como ferramenta para dar a coñecer a riqueza natural e paisaxística de Campo Lameiro.

É o obxectivo do I Trail do Cervo, proba deportiva organizada polo Concello en colaboración da Asociación Eido do Cervo e que se celebrará o vindeiro sábado 4 de novembro.

Os deportistas participantes, cun límite de 200, contarán con dúas opcións, empezando ás 9.00 horas da mañá cun roteiro longo de 32 quilómetros e un desnivel acumulado de máis de 1.700 metros. Pasará por lugares emblemáticos do municipio como o Alto do Cádavo, Alto da Conla, San Antonio de Penalba, a contorna do Parque Arqueolóxico ou o monte e os regachos da Lamosa e Painceiros.

Pola súa banda ás 9.30 horas está prevista a saída dun roteiro máis curto, de 17 quilómetros e un desnivel de 900 metros.

Segundo confirmaron na presentación do trail de montaña o alcalde Carlos Costa, as concelleiras Delia Carramal e Natalia Maquieira xunto a David Domínguez como representante da Asociación Eido do Cervo, a intención de todas a partes implicadas é que a competición teña continuidade nos próximos anos consolidándose no calendario deportivo da comarca.