Campións de varios países e ata un irmán de Carlos Alcaraz, no Torneo Pontevedra Internacional U14

Pontevedra
12 de setembro 2024

A segunda edición do torneo celebrarase do 16 ao 21 de setembro nas instalacións do Club de Tenis Pontevedra na Caeira

Presentación do segundo Torneo Pontevedra Internacional Junior U14 de tenis Mónica Patxot

A segunda edición do Torneo Pontevedra Internacional Junior U14, incluído dentro do circuíto Tennis Europe Junior Tour, traerá de novo á Boa Vila a algunhas das grandes promesas do mundo da raqueta, nunha categoría que pasa para a maioría por ser a súa primeira experiencia internacional.

A pesar da súa mocidade, o torneo pontevedrés subiu xa de nivel e aspira a chegar a ser o próximo ano de categoría 1. Iso nótase nunha inscrición na que figuran campións nacionais de varios países e ata Jaime Alcaraz, o irmán menor de Carlos Alcaraz, actual número 3 da ATP.

A competición, na súa fase final, arrincará o vindeiro luns 16 de setembro nas pistas do Club de Tenis Pontevedra na Caeira, con cadros de 32 xogadores (invidual masculinos e feminino e tamén de dobres) ata as finais previstas para o sábado día 21.

"É un torneo de balde, así que calquera que queira achegarse á Caeira está convidado", lembrou na súa presentación oficial o presidente do Club de Tenis Pontevedra, Andrés Martínez.

No acto a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, mostrou ademais a súa disposición para seguir apoiando este evento deportivo no futuro confiando en que "sexa a segunda edición de moitas máis".