Non foi o mellor partido, nin de longo. Facía falta un punto e conseguiuse, aínda que a forma de logralo non fose a máis brillante posible. O Pontevedra é campión de Liga. Éo con todo merecemento tras obter ese punto que lle faltaba ante un CD As Pontes "amable", que tampouco puxo demasiado interese nin arriscou o máis mínimo en busca da sorpresa.
Diso aproveitáronse os locais, que asinaron unha primeira parte de dominio pleno pero tantas ocasións creadas como desaproveitadas, para dar paso a unha segunda con máis sombras que luces e algún que outro susto que puxo en perigo a consecución do obxectivo.
A celebración final liberou a tensión acumulada, dando paso a dúas semanas que han de servir para preparar a conciencia un play-off no que o regreso a Segunda B estará a tiro nunha eliminatoria. O máis positivo, xunto co título, foi ver as bancadas de Pasarón cunha entrada de luxo para Terceira división e unha afección reenganchada ao equipo. Farán falta. Todos eles e máis que debe vir.
Pronto, moi pronto se inclinou o xogo do lado local. Apenas cinco minutos abondaron para comprobar que As Pontes fiaba a súa sorte á súa capacidade defensiva, ou a conseguir montar unha contra que puidese sorprender o Pontevedra envorcado arriba.
Os de Luisito manexaban o balón ao seu antollo, recuperando doado e en posicións avanzadas. E as ocasións non tardaron en chegar. A primeira aos tres minutos. Pablo Carnero remataba frouxo un bo centro de Mouriño. A segunda case a continuación. Rubén Lobato remataba con pouco ángulo un pase de Pablo Carnero, atallando o meta visitante en dous tempos.
Máis clara sería a seguinte. E se non rematou en gol foi pola cegueira do colexiado, minuto 17, ignorando o claro derrubamento dentro da área do porteiro Marcos Souto a Mouriño. Un penalti ignorado que debería levar aparellada a expulsión do gardameta.
E seguiu o monólogo coa mellor xogada combinativa dos locais. Triangularon Pablo Carnero, Jacobo e Mouriño, minuto 24, que quedou só ante Marcos Souto, pero estrelou o seu remate no corpo do meta.
Aínda outra máis, e aínda máis clara. Mouriño centra, minuto 33, Pablo Carnero déixaa de cabeza morta para Pedro García, que a pracer dispara á cara do porteiro.
Ás Pontes acusaba en exceso a baixa do seu organizador, Bossa. Iso permitía aos granates dominar a pracer e acumular ocasións falidas. Daba a sensación de que o gol era só cuestión de tempo e de afinar un pouco a puntaría. Aínda habería unha máis antes do descanso. Tívoa Jacobo. O seu remate de volea marchou lixeiramente alto.
Ao Pontevedra abondáballe o empate, pero quedara claro que quería rubricar o campionato cunha vitoria ante os seus. Pero iso quedaba para a segunda parte, aínda que ninguén pensaba que sucedese o que sucedeu e que os de Luisito pasasen a ofrecer 45 minutos de mal xogo e escasas ocasións.
E esa segunda parte comezou con susto e compensación arbitral. Primeiro lanza unha falta Mouriño na frontal, obrigando a Marcos Souto a lucirse para mandar o balón a corner. E logo chegou o que estaba a esperar o conxunto visitante. Unha rápida contra levada por Pablo Domínguez, minuto 49, e facillitada por un inoportuno e perigoso esvarón de Rubén Lobato, que pechaba a xogada, permite ao xogador coruñés irse en vertical cara a Edu. Pedro García derrúbao cun claro agarrón, evitando que chegase á frontal. Podía ter sido tarxeta vermella directa para o xogador granate, pero o colexiado deixouno en amarela, ante as protestas en bloque dos visitantes, que nelas gañaron tamén dúas amoestacións para Dani e Pablo Domínguez.
Luisito non quixo esperar máis. A lesión de Jacobo posiblemente precipitou os cambios. O técnico fixo dous ao mesmo tempo, dando entrada a Benja e Anxo polo citado Jacobo e Álvaro Muñiz, buscando máis poder rematador, ademais da explosividade nas accións por banda do xogador de Riveira.
Pero o Pontevedra xa non era o mesmo. Non pasaba apuros pero tampouco os creaba a un rival que cada vez se encontraba máis cómodo en defensa e ata se atrevía a pisar campo contrario. Por se fose pouco chegaba a lesión de Benja, tamén con problemas musculares. Todo o mundo sabía que o empate servía e As Pontes parecía dalo tamén por bo, aínda que as sensacións non eran positivas, senón de nerviosismo.
Por fin os granates volveron aparecer en ataque. Tardaron en facelo nada menos que 30 minutos dende a oportunidade anterior. Pedro García perdoou de cabeza, minuto 78, mandando ao centro un gran servizo de Mouriño.
E asinouse a paz. Un non quixo e o outro non puido. Ás Pontes lograba o seu primeiro punto en catro anos ante o Pontevedra e os granates o título de liga, aínda que fose cunha imaxe ben distinta á desexada e con susto final no desconto, minuto 95, cando Chote puido aguar a festa local, pero mandou ás nubes o seu disparo ao bordo da área pequena, á saída dun corner.
O Pontevedra era campión, con todo merecemento. Foi o mellor na liga, aínda que os tres últimos partidos en Pasarón deben servir para corrixir erros que os houbo e en abundancia, co fin de afrontar un play-off no que os rivais esixirán bastante máis.
PONTEVEDRA CF (0): Edu (1); Tubo (1), Campillo (2), Capi (1), Rubén Lobato (1); Kevin Presa (2); Mouriño (1), Álvaro Muñiz (1), Pedro García (2), Jacobo (1); e Pablo Carnero (1).
Substitucións: Benja (s.c.) por Álvaro Muñiz, minuto 55. Anxo (2) por Jacobo, minuto 55. Jorge Rodríguez (1) por Benja, minuto 72.
CD AS PONTES (0): Marcos Souto (3); Hugo (1), Rochela (2), Aitor Díaz (2), Pablo Domínguez (1); Fidi (3), Piña (1); Santi (1), Dani (1), David Amado (1); e Sergio Arias (1).
Substitucións: Chote (2) por Hugo, minuto 62. Chicho (1) por Santi, minuto 66. Toni (s.c.) por David Amado, minuto 85.
Árbitro: Pablo Álvarez Calderón (Vigo), auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e Eduardo Rivera Gores. Amoestou a Pedro García, polo Pontevedra, e a Fidi, Aitor Díaz, Dani, Pablo Domínguez e Chote, polo CD As Pontes.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 4.000 espectadores.