Cambio de formato para o VI Rallye de Pontevedra, cun novo tramo en Moraña

Cerdedo-Cotobade
24 de abril 2024

A organización do Rallye de Pontevedra iniciou a conta atrás para a súa sexta edición, que se celebrará o venres 31 de maio e sábado 1 de xuño con Sanxenxo como base e incluíndo no seu roteiro un novo tramo que discorrerá polo Concello de Moraña

V Rally de Pontevedra Cristina Saiz

A organización do Rallye de Pontevedra iniciou a conta atrás para a súa sexta edición, que se celebrará o venres 31 de maio e sábado 1 de xuño.

De novo Sanxenxo será base central do evento, incluído dentro do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes, aínda que "cambiamos o formato", adianta Diego Besada desde a Escuadra Congostra Team Sanxenxo.

Ese cambio céntrase nos tramos cronometrados, pasando dos tres tramos de pasada edicións nos que se completaban ata tres mangas, aos catro tramos deseñados para este ano 2024, xunto ao tramo espectáculo previsto o venres.

"Tanto pilotos como afeccionados pedíannos que houbese uns tramos de mañá e outros de tarde", expica Besada, o que permitirá ademais minimizar as molestias aos veciños ao reducir as horas de corte de circulación.

A novidade nesta caso será a inclusión dun novo tramo no Concello de Moraña, que avisan desde a Escudería Congostra Team "todos din que é o máis difícil e máis bonito".

Desta forma, tras o tramo espectáculo do venres en Sanxenxo, a competición centrarase o sábado 1 de xuño con dúas mangas cronometradas en cada un dos tramos, empezando en horario matinal nos municipios de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade e completando o percorrido de tarde en Meaño e Moraña.

Tanto o parque pechado como a zona de asistencia aos participantes estará situado na zona de Baltar, en Portonovo.

O Rallye de Pontevedra será este ano a quinta cita puntuable do Campionato Galego, unha proba na que esperan exceder a barreira do cento de vehículos participantes.