Calma tensa nun Pontevedra que só pensa xa na permanencia

Pontevedra
17 de febreiro 2020

Os granates, tras a decepción deste domingo ante o Oviedo B, regresaron ao traballo cunha sesión celebrada en Campañó na que flotaba no ambiente o mal momento que atravesa o equipo. Carlos Pouso, cada vez con menos marxe para o erro

Adestramento do Pontevedra en Campañó trala derrota ante o Oviedo B Cristina Saiz

Cambio de prioridades no Pontevedra Club de Fútbol, que empeza a mirar exclusivamente cara abaixo co único obxectivo de salvar a categoría, deixando metas máis ambiciosas para outra ocasión.

A derrota deste domingo contra o Oviedo B fixo moito dano nun equipo que suma 3 puntos dos últimos 24 e que aínda non gañou en 2020, quedando empatado a puntos co posto de play-out e a 2 do descenso directo. O crédito de Carlos Pouso reduciuse de maneira importante e a súa marxe de erro é cada vez menor, aínda que polo momento se aposta pola calma.

Trátase en todo caso dunha calma tensa, tal e como se percibía no regreso este luns aos adestramentos nunha sesión celebrada no campo de fútbol de Campañó, sobre todo despois das declaracións do técnico en sala de prensa nas que aínda que sinalaba que "no soy yo el problema, seguro" e mostrábase convencido de poder reverter a situación, recoñecía tamén que "estamos preocupados y nerviosos, esa es la verdad", engadindo que "si el problema soy yo se solucionará fácil".

O plantel ao completo, salvo Pedro Vázquez que se ausentou para pasar revisión médica, reuniuse ao redor do círculo central para escoitar ao seu adestrador, unha pequena charla para pechar filas e tentar recuperar o ánimo duns xogadores tocados pola mala serie. Desde a banda o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, seguía a sesión.

Tras uns minutos de 'terapia', deu comezo o traballo cun adestramento de recuperación para os titulares do domingo que se desenvolveu sen maior incidencia.

BERROCAL, AFUNDIDO TRAS RECAER DA SÚA LESIÓN

En Campañó deixouse ver vestido de rúa Jesús Berrocal, moi afectado pola recaída da súa lesión na zona da pube que se produciu nunha acción do duelo contra o filial ovetense.

O futbolista andaluz someterase a probas esta semana para confirmar o diagnóstico inicial, pero a súa sensación é similar á da última lesión, de rotura na mesma zona, e que lle mantivo no dique seco durante os últimos meses. Todo un pau para el a nivel particular e para o equipo en xeral.

Tampouco se exercitou Pedro Vázquez como consecuencia do golpe na zona cervical que lle produciu perda de visión e obrigoulle a pedir o cambio no partido. En todo caso espérase que tras o descanso previsto para o martes, poida incorporarse ao grupo.

Pola súa banda Campillo segue recuperándose da escordadura de nocello que se produciu o pasado xoves, sendo seria dúbida para o desprazamento ao campo do Atlético de Madrid B, do mesmo xeito que un Adrián Cruz que segue traballando a menor ritmo que os seus compañeiros, aínda que non está descartado para o próximo choque.