Cálida acollida en Pontevedra á Selección Española de Waterpolo

Pontevedra
21 de marzo 2018

As actuais subcampioas do Mundo de waterpolo desembarcaron este mércores na cidade para participar na fase final da Europa Cup, pero tiveron tempo de compartir experiencias con escolares de sete centros educativos nun ameno acto de promoción celebrado no Teatro Principal

Acto da Selección Española de Waterpolo con escolares de Pontevedra
Acto da Selección Española de Waterpolo con escolares de Pontevedra / Gabriela Varela Asorey

Xornada de emocións e actos para a Selección Española de Waterpolo no seu primeiro día en Pontevedra, onde participará na fase final da Europa Cup Feminina que arrincará este xoves 22 de marzo na piscina olímpica de Pontemuíños.

As actuais subcampioas do Mundo déronse un baño de masas á primeira hora da mañá nun acto con escolares celebrado nun Teatro Principal a rebordar.

Nenas e nenos de sete centros educativos (Vilaverde, Xeve, Doroteas, Campolongo, Vidal Portela, Salvador Moreno e Sánchez Cantón) puideron coñecer de preto ao combinado nacional absoluto, con quen compartiron anécdotas e coñeceron os segredos que lles levaron a xogar ao máximo nivel, un evento no que as xogadoras demostraron a súa proximidade e bo humor tentando  contaxiar a súa paixón polo waterpolo.

Depués de adestrar, a Selección Española estivo presente na presentación oficial da fase final da Europa Cup, presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Española de Natación, Fernando Carpena, quen sinalou que estarán estes días en Pontevedra "las seis mejores selecciones europeas", o que é case o mesmo que dicir a elite mundial "a falta de Estados Unidos".

Carpena deixou aberta a posibilidade de que Pontevedra repita como sede deste tipo de eventos internacionais de waterpolo declarando que "es una competición nueva con un formato que el año que viene va a ser incluso más atractivo, te tiendo el guante", explicou cara ao rexedor pontevedrés.

Lores pola súa banda expresou o seu desexo de que este evento e o partido da Liga Mundial entre España ou Hungría que se xogará o martes 27 "deixen un bo sabor de boca".

O acto de presentación do campionato concluíu coa entrega de senllas placas de recoñecemento por parte da Real Federación Española ao presidente do  Waterpolo Pontevedra, Óscar Ferreira, ao presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, e ao alcalde de Pontevedra.

As entradas para asistir ás diferentes xornadas e partidos da Europa Cup de Waterpolo serán de balde ata completar o aforamento das instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur.