Antía García non ten teito. A que fóra campioa mundial júnior de salvamento e socorrismo e campioa europea absoluta deu un paso máis na súa carreira deportiva sumando un ouro no Campionato do Mundo Absoluto celebrado en Adelaida, Australia.
A deportista caldense venceu na categoría de 100 metros remolque de maniquí con aletas cunha marca de 52.31 segundos, nunha especialidade na que estableceu recentemente o récord do mundo (51.47).
Esta medalla súmase á conseguida xa en categoría absoluta no Campionato de Europa de 2017, sendo a súa primeira presea mundialista na máxima categoría.
En Caldas de Reis poden presumir xa de contar con toda unha campioa do mundo, e non só o Club Acuático Umia, senón que desde o Concello pénsase xa en ofrecerlle un recoñecemento no próximo pleno municipal.
A Selección Española de Salvamento e Socorrismo logrou en Australia un total de 10 medallas, o que situou ao equipo absoluto no oitavo posto final e ao júnior na cuarta posición.