Caetano Horta, remeiro do CGTD: da selectividade a Tokio 2021

Pontevedra
17 de abril 2021

O novo remeiro de Noia, asentado en Pontevedra, representará a España nos Xogos Olímpicos na modalidade de dobre scull xunto a Manel  Belasteguí con só 18 anos

Caetano Horta (na proa), remeiro do CGTD que irá aos Xogos Olímpicos de Tokio, xunto ao seu compañeiro Manel Belasteguí PontevedraViva

Os próximos Xogos Olímpicos volverán ter acento pontevedrés. Non só pola padeeira Teresa Portela, que xa ten asegurada a súa presenza nos que serán os seus sextos Xogos, tampouco polos numerosos deportistas locais con opcións de conseguir un billete para Tokio, senón pola explosión dun novo remeiro de Noia que se forma no CGTD e que, con só 18 anos, xa se gañou unha praza para cita deste verán.

Caetano Horta compaxina neste primeiro semestre do ano o seu asalto aos Xogos Olímpicos coa preparación dos exames de acceso á universidade. E non sabe que competición é máis esixente. "A verdade que selectividade é unha proba dura e máis agora que hai que sacar tempo para poder estudar", recoñece Horta, que non se despista nin un segundo da súa verdadeira meta. "Quero facer odontoloxía en Sevilla", afirma non sen temor, como nunha das súas regatas, a non superar o corte. Aínda que a súa media superior ao 8 e a súa condición de deportista de alto nivel, parecen argumentos sólidos para alcanzar tamén esta meta.

En xuño saberá se o logra e só un mes despois terá outro exame aínda máis duro. Será en Xapón representando a España na modalidade de remo de dobre scull xunto ao seu compañeiro Manel Belasteguí.

O seu ascenso ao Olimpo foi fulgurante. "Foi un camiño curto pero moi rápido. Aínda non o teño asimilado do todo", recoñece. Todo comezou coa renuncia de Rodrigo Conde a formar parte do barco por problemas para manterse na categoría de peso lixeiro. Tras a súa marcha, a federación convocou un selectivo para buscar unha substitución. Caetano superou a proba e pasou á segunda fase do proceso de selección.

"Entramos nunha fase de probas dunha semana con tres compañeiros para ir con Manel. Nesa semana os números saíron ao meu favor e decidiuse que ata o Europeo ía ir eu con Manel e en función do resultado quedaríame eu ou non", relata o remeiro. E o Europeo saíu ao pedir de boca, aínda que el. ambicioso, non o recoñece. "Acabamos sétimos e quedounos a espinita de non meternos na final", di sobre a carreira na que conseguiu, sendo aínda menor de idade, o seu billete para Tokio.

A parella aínda se está coñecendo pero as sensacións son inmellorables. "Non coñecía persoalmente a Manel, aínda que si coincidiramos en regatas. Houbo bo feeling desde o primeiro momento, el ten 21 anos e eu, 18. Somos moi novos e iso axuda a levar ben", detalla o de Noia.

A bordo do barco, un dobre scull no que cada un porta dous remos, a compenetración tamén é perfecta. Caetano achega a potencia na proa, mentres que desde a popa Manel marca un ritmo imparable cara á gloria olímpica. O seu verdadeiro nivel e as súas opcións de medalla veranse dentro de seis semanas nunha proba da copa do mundo. "Temos dúas copas do mundo antes dos xogos. Á primeira non chegaremos moi preparados, pero á segunda, si. Querémola preparar ben para facer un bo resultado e vernos realmente como estamos", puntualiza.

O remo chegou á vida de Caetano Horta por casualidade. A súa paixón era o motocrós. "Eu quería poñerme forte para poder andar na moto. Como o meu tío era o adestrador do club de remo de Noia, empecei a remar", lembra Horta as súas primeiras experiencias con só 9 anos. "Fun a competicións e foime indo ben a cousa, aínda que que en motocrós tamén me ía ben", remarca.

Con todo, foi admitido no Centro Galego de Tecnificación Deportiva para compaxinar os seus estudos, entrou en terceiro da ESO, coa preparación deportiva e tivo que renunciar xa definitivamente ao mundo do motor.

O seu crecemento en Pontevedra foi, como a súa carreira, meteórico. Colleitou incontables triunfos, entre eles campión de España e de Europa xuvenil e júnior. Pero o seu periplo na Boa Vila acabará esta primavera. "A miña idea é irme a Sevilla o próximo ano. Alí está a concentración permanente de absolutos", xustifica. Ademais, o Lérez non é o mellor río para os remeiros.

"Ten moitas curvas, moita corrente, ondas das motoras... É un pouco incómodo, aínda que se poden facer os adestramentos perfectamente", explica sen intención de desprezar o campo de adestramento no que se formou e ao que podería volver este verán cunha medalla colgando do pescozo.