Obxectivo cumprido. Polo menos, o primeiro deles. Caetano Horta e Manel Balastegui clasificáronse esta madrugada para as semifinais da modalidade dobre scull lixeiro de remo, tras quedar segundos na súa eliminatoria de repesca.
Cun tempo de 06:45.71, a parella española, que foi na cabeza gran parte da proba, só foi superada polos polacos Jerzy Kowalski e Artur Mikolajczewski.
Horta, natural de Noia e formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, loitará agora polo seu pase a final olímpica.
Será o vindeiro martes 27 de xullo, a partir das 04:20 horas da madrugada.
Os seus rivais por un posto na gran final serán os barcos de Italia, Bélxica, India, Irlanda e Ucraína.