Non puido ser. A parella formada polo remeiro galego Caetano Horta e o catalán Manel Balastegui non logrou clasificarse para a semifinal de dobre scull nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Iso si, terán unha nova oportunidade esta próxima madrugada.
Horta, deportista formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e o seu compañeiro acabaron cuartos na súa serie eliminatoria, cun tempo de 6:38.72. Quedaron a doce segundos do pase directo a semifinais.
Foron os barcos de Noruega e Bélxica os que ocuparon as dúas primeiras prazas.
Os españois comezaron ben e chegaron a colocarse en segunda posición, pero a partir da metade do percorrido xa non puideron seguir o ritmo e a carreira fíxoselles demasiado longa.
Agora, deberán competir na repesca, que se celebrará esta madrugada ás 03:00 horas, para poder conseguir un dos tres billetes que quedan libres para semifinais.