Caetano Horta, á final B no dobre scull lixeiro de remo

Pontevedra
28 de xullo 2021

O deportista noiés formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra tentará conseguir un diploma olímpico tras quedar descartado na loita polas medallas ao ser quinto na súa semifinal

Caetano Horta e Manel Balastegui, en Tokyo 2020 PontevedraViva

Cun día de atraso sobre o calendario previsto, debido á mala climatoloxía, Caetano Horta e Manel Balastegui competiron na madrugada deste mércores na semifinal olímpica da modalidade dobre scull lixeiro de remo.

O remeiro noiés formado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e o seu compañeiro de embarcación quedaron a escasos dous segundos de entrar na final dos Xogos Olímpicos, pero finalmente non conseguiron entrar entre os 6 mellores quedando relegados á final B.

Horta e Balastegui foron quintos na súa semifinal cun tempo de 6:15.49, polos 6:13.07 do equipo belga que foi terceiro levando a última praza dispoñible para a quenda definitiva polas medallas.

A pesar diso os españois seguen en competición, e é que en xogo ás 4.02 horas deste xoves estará a opción de conseguir un diploma olímpico, o que lograrán os dous primeiros clasificados na final B da competición. Todo un logro en todo caso para un deportista que non esperaba estar en Tokyo vivindo aos seus 18 anos a súa primeira experiencia nuns Xogos.