Xornada redonda para Cabo da Cruz. Os remeiros de Boiro adxudicáronse a Bandeira Concello do Grove, celebrada este domingo en San Vicente do Mar (O Grove). Asaltaron así o primeiro posto da Liga Galega de Traíñas A, que comparten con Samertolameu de Meira trala vitoria destes o sábado en Sanxenxo. A embarcación vermella sitúase momentaneamente no liderado por ter gañado a última regata do calendario.
Esta segunda cita da máxima categoría do remo galego lembrarase pola remontada que protagonizou Cabo da Cruz. Samertolameu, que chegaba como líder ao campo de regatas de Pedras Negras, empezou marcando o mellor parcial na primeira ceaboga con Amegrove a un segundo e Cabo da Cruz a seis. Ao remate do segundo longo, os remeiros do Grove e os de Meira marcaban rexistros idénticos, pero Cabo xa empezara a súa remonta e situábase a tan só dous segundos.
Os locais non aguantaron o ritmo no terceiro punto de referencia, mentres que a embarcación de Boiro igualaba con Samertolameu. No último e definivo treito, Cabo da Cruz culminou a súa estratexia de ir de menos a máis e superou por tres segundos a Meira. Chapela ocupou a cuarta praza.
Na primeira das quendas Mugardos voltou demostrar que está un punto por riba das outras tres embarcacións. Os remeiros da Bestarruza venceron con claridade alcanzando a quinta praza na clasificación global. Vilaxoán tivo que exprimirse ata o final para impoñerse a Mecos-Mondariz, mentres que A Cabana ocupou a derradeira praza.
EN SANXENXO, A VITORIA FOI PARA SAMERTOLAMEU
Na primera das regatas desta Liga Galega de Traíñas, Samertolameu deixou claro que será un dos favoritos ao ascenso á Liga San Miguel ACT. Impuxéronse con autoridade na Bandeira Nauta Sanxenxo celebrada o sábado. Acabaron case doce segundos por diante de Cabo da Cruz e dezaseis sobre Amegrove, para moitos a embarcación a batir despois de quedar campións nas últimas tres temporadas. A máis de medio minuto quedou Chapela.
Samertolameu cimentou a súa vitoria desde o primeiro longo. Completouno tres segundos máis rápido que Amegrove, pero a partir de aí non fixo máis que agrandar a súa vantaxe. Tanto que xa no terceiro longo, cando Cabo da Cruz xa adiantara a embarcación meca, a diferencia co segundo clasificado era xa de dez segundos. Mugardos, Vilaxoán, Cabana y Mecos completaron a orde de chegada desta proba.
Trala disputa das dúas primeiras probas da Liga Galega A, a clasificación está liderada por Cabo da Cruz y Samertolau con 15 puntos cada unha. Ocupan as posicións de playoff de ascenso á Liga San Miguel ACT. Terceiro é Amegrove con 12 puntos e cuarto Chapela con 10. Pola parte baixa Mugardos ten 8 puntos e Vilaxoan 6. Os últimos clasificados son Mecos e A Cabana con tres puntos. Moitos apuntan que a praza de descenso será para un deles.