"Broche de ouro" de Pontevedra co tríatlon: Acollerá a Gran Final das Series Mundiais en 2023

Pontevedra
18 de novembro 2021

A Federación Internacional de Tríatlon (ITU) confirmou a Pontevedra como sede do gran evento do tríatlon mundial en 2023, un evento que tamén incluirá os campionatos do mundo elite, sub-23, paratríatlon e grupos de idade e que atraerá á cidade "máis de 5.000 deportistas", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores

Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores anuncian que Pontevedra acollerá a Gran Final das Series Mundiais 2023 Mónica Patxot

A Federación Internacional de Tríatlon confirmou a Pontevedra como sede para 2023 da Gran Final das Series Mundiais e dos campionatos do Mundo Elite, Sub-23  Paratriatlón e Grupos de Idade, así como a distancia super sprint de grupos de idade e os campionatos do mundo de aquabike de distancia estándar de grupos de idade.

Trátase do gran evento do tríatlon internacional, que supón "un broche de ouro" á relación da Boa Vila con este deporte tras acoller nos últimos anos un Europeo, un Mundial de Dúatlon e os Mundiais Mulideporte.

Así o asegurou en rolda de prensa un exultante alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da presidente da Deputación, Carmela Silva, sobre unha competición que "é moi importante en primeiro lugar polo ano, por ser o ano preolímpico", e que supoñerá que "máis de 5.000 triatletas de todo o mundo virán a Pontevedra".

A candidatura pontevedresa enfrontábase principalmente á presentada por Bermuda, sede anteriormente de probas das Series Mundiais, e tras defender este mércores a súa proposta ante o comité da ITU co apoio entre outros de Javier Gómez Noya como padriño "creo que non houbo dúbida porque temos unha importante experiencia detrás", explicou Lores.

Este aspecto confirmouno tamén o presidente da Federación Española, José Hidalgo, ao recoñecer que "Pontevedra ganó abrumadoramente. Fue elegida por todos los miembros del comité". Hidalgo mostrouse tamén satisfeito de que a cidade do Lérez poida "cerrar un ciclo" acollendo o que cualifica do "gran evento del triatlón mundial". Todo a pesar de que "no ha sido fácil".

A Gran Final das Series Mundiais terán lugar durante o mes de setembro de 2023 nunha data aínda por fixar por parte do goberno local, coa intención de "escapar da Feira Franca pero non ir moi ao final para intentar garantir bo tempo", sinalou o alcalde.

Todo iso cun "investimento moi potente, por riba dos dous millóns de euros", confirmou Fernández Lores, pero que "supón un retorno que non é cuantificable" polo impacto que supoñerá. De feito, engadiu José Hidalgo, trátase dun evento que "será retransmitido a los cinco continentes".

Tamén o cinco veces campión mundial en distancia olímpica, Javier Gómez Noya, declarou á Federación Española sentirse emocionado pola nova. "Corrín case todas as Finais Mundiais de Tríatlon, nalgunhas das cidades máis incribles do mundo, pero as palabras non poden describir o emocionado que estou de que unha pequena cidade como Pontevedra, a miña cidade, estea agora entre as mellores cidades para acoller eventos de tríatlon", asegurou.

Pola súa banda a presidenta provincial comprometeu o seu apoio a "un evento que para a cidade é moi grande. Nos referencia a toda Galicia e a todo o Estado".

Previamente a Pontevedra a Gran Final das Series Mundiais disputouse en cidades como Londres,  Budapest, Pequín, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausana e Edmonton, estando previsto que Abu Dhabi sexa a sede en 2022.