Brasil sorprende na primeira xornada do Mundial ao derrotar a Portugal, unha das favoritas

Pontevedra
17 de xullo 2019

España, Francia, Croacia e Alemaña son os primeiros líderes do campionato do mundo que comezou o pasado martes nos pavillóns de  Pontevedra e Vigo

Brasil vence a Portugal na primeira xornada do mundial Júnior de Balonmán

O Mundial Júnior de Balonmán xa está en marcha. Durante toda a xornada destemartes a actividade deportiva nos pavillóns de Pontevedra e Vigo foi frenética. Desde primeira hora da mañá e ata a última da tarde, os partidos sucedéronse un tras outro. E só a vitoria de Brasil ante Portugal e o axustado triunfo de Dinamarca sobre Noruega romperon os prognósticos previos ao arranque do día.

No duelo lusófono, o conxunto suramericano no que milita o excisneísta Guilherme Linhares impúxose sobre Portugal, unha das favoritas para coarse nas roldas finais do campionato. Aínda que Brasil levou a iniciativa no marcador durante a maior parte do duelo, os lusos mantiveron a esperanza de remontar ata os últimos compases dun duelo que terminou cun 30-35 favorable aos americanos.

O partido de maior equilibrio foi o protagonizado por Noruega e Dinamarca, con vitoria final para o conxunto danés por un apertado 31-32. Nos outros duelos do Grupo D, Alemaña pasou por encima de Arxentina (43-25) e Islandia venceu con comodidade a Chile (26-19).

No grupo C, ademais de Brasil lograron a vitoria Hungría, que bateu a Bahrain (34-30); e Croacia sobre Kósovo (23-17).

No grupo de España, o A, sumaron a súa primeira vitoria, ademais do combinado de Isidoro Martínez, Serbia, que derrotou a Xapón (21-19); e Eslovenia, que lle gañou a Tunes (32-25).

A vitoria máis avultada da primeira xornada produciuse no grupo B. Francia non deu opción a Nixeria, á que bateu por 48 a 19. Tamén Exipto machucou a Australia por 44 a 17. O terceiro duelo terminou cun 34-28 favorable a Suecia fronte a Corea do Sur.

Desde primeira hora do mércores está en xogo a segunda xornada da fase de grupos, na que figura como duelo máis interesante o Dinamarca-Alemaña das 18 horas no Municipal de Pontevedra.