Bota a andar o proxecto do Pontevedra en Primeira RFEF con Seoane e Rufo entre algodóns

Pontevedra
18 de xullo 2022

O primeiro plantel granate volveu este luns 18 de xullo ao traballo cunha dobre sesión de adestramento ás ordes de Antonio Fernández. Fíxoo con dous futbolistas importantes o pasado curso tocados, Rufo e Seoane, e con novidades no corpo técnico, ao que se incorpora o preparador físico Daniel Vila

Primeiro adestramento do Pontevedra CF 22/23 Mónica Patxot

Acabaron as vacacións para o Pontevedra Club de Fútbol, que este luns e tras dous meses sen actividade regresou ao traballo no que son os primeiros pasos do seu novo proxecto deportivo na Primeira RFEF.

Nunha sesión aberta ao público no Estadio Municipal de Pasarón o equipo granate protagonizou unha primeira "toma de contacto", como recoñeceu o técnico Antonio Fernández "contento coa predisposición e coa charla que tiven cos rapaces". Nesa charla de ao redor de media hora o preparador explicou aos seus novo pupilos que "gústame a disciplina. Son un adestrador próximo pero no campo vou esixir moito", asegurou.

Os granates comezan a ritmo de dobre sesión tanto o luns como o martes, nuns adestramentos nos que estarán de momento a menor ritmo dous futbolistas importantes a pasada campaña como Diego Seoane e Rufo.

"Seoane segue tendo os mesmo problemas do ano pasadao, de pube, pero creecmos que vai chegar perfectamente a tempada, e Rufo vai ir un pouco máis medido polos últimos problemas que tivo a final de tempada, hai que ter un pouco de coidado", explicou o director deportivo, Toni Otero.

Trátase en todo caso dunha medida de precaución para "protexer a xogadores que son importantes para nós", sinalou pola súa banda Antonio Fernández. "Creo que Seoane fará un traballo aparte a primeira semana ata que vexamos que poida adestrar co grupo, non vou arriscar a ninguén para perdelo despois un mes. O importante é que cheguemos todos plenos ao primeiro partido de liga", defendeu o novo director da nave pontevedresa.

Entre as novidades sobre o céspede de Pasarón ademais da única fichaxe ata a data, Ángel Bastos, estaba o novo preparador físico do primeiro plantel, Daniel Vilas, con Sergio Moreira como segundo adestrador, Moncho Martínez como preparador de porteiros e Borja Ríos como fisioterapeuta completando o corpo técnico. Ademais "seguramente incorporemos analista/recuperador", confirmou Toni Otero tras a marcha de Luismi.

En canto ao plantel iniciaron a pretempada 16 futbolistas do primeiro equipo, cos gardametas Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés; os defensores Churre, David Soto, Seoane, Samu Araújo e Ángel Bastos; os centrocampistas Miguel Román e Yelko Pino, os extremos Álex González, Oier Calvillo, Alberto Rubio e Martín Diz; e os delantertos Charles, Rufo e Brais Abelenda.

Xunto a eles compareceron nove futbolistas máis, na súa maioría procedentes do filial, como son o porteiro Manu Vizoso, os defensas Felipe Cigales, Sergio Rodríguez, Sergio Balea e Martín González; o centrocapistra Raúl Diz; o extremo Valentyín Jaichenco; e os dianteiros David Fraga e Víctor Casais, este último procedente do Fisterra.