Bos resultados para o piragüismo pontevedrés na Copa de España Sprint en Verducido

Pontevedra
20 de maio 2019

O encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, en Verducido, foi escenario durante a fin de semana da segunda Copa de España da tempada

Carolina García na Copa de España no Pontillón do Castro Federación Galega Piragüismo

A semana fantástica para o piragüismo pontevedrés, que comezou coa celebración do Selectivo Nacional en Verducido, tivo como colofón no mesmo escenario, o encoro de Pontillón do Castro, coa segunda Copa de España Sprint da tempada.

Os padexeiros locais conseguiron grandes resultados na casa, confirmando o seu gran momento.

Nas categorías individuais sobre 200 metros Carolina García (Ciudad de Pontevedra) levou a vitoria na final do kaiak feminino, mentres que a súa compañeira de equipo Antía Jácome facía o propio na canoa, mentres que Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) era segundo ao ser superado polo mallorquino Sete Benavides.

En categoría xuvenil Antía Otero (Ciudad de Pontevedra) conseguía pola súa banda a praza en canoa para disputar o mundial da súa categoría, e Manuel  Fontán (Náutico O Muiño) era segundo na proba masculina.

En canto á distancia de 500 metros, Sergio Vallejo (Piragüismo Poio) facíase coa vitoria na final de C-1 e Antía Jácome facíase coa medalla de prata, mentres que en idade xuvenil Manuel Fontán subía ao máis alto do podio con Martín Jácome (Ciudad de Pontevedra) terceiro.

A xornada do domingo estaba reservada para as carreiras das embarcacións dobres, onde destacaron as vitorias de Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no  C-2 500, do mesmo xeito que Antía Jácome e Jenifer Casal. En idade xuvenil os canoístas do Náutico O Muiño Manuel Fontán e Enrique Costa levaron o bronce en 200 metros, con Alex Bernárdez e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio) segundo na carreira de 500 metros. 

Ademais disputáronse as finais da modalidade de paracanoe, con Enrique Santana (Breogán) ouro en  KL2, Jesús Acuña (Piragüismo Vilaboa) ouro e Silvestre Besada (Piragüismo Cambados) bronce en KS1.