O Pontevedra Club de Fútbol afronta este domingo outra final pola permanencia en casa do Rayo Majadahonda (16:00 horas), onde viaxará "coa mesma mentalidade" para "ir a por o partido desde o principio".
E é que despois de enlazar por primeira vez esta tempada dúas vitorias consecutivas, o equipo de Juan Señor "empeza a crer", pero fáltalle terminar de facelo. Aínda así, "a mensaxe é que non demos nada por feito", advirte, "non pasemos esa liña débil de, gañamos dous partidos, o que xogou os dous partidos vai pensar que vai seguir sendo titular pero coidado, o míster valora os adestramentos ata dos sábados para tomar a súa decisión".
De feito, coa enfermería case baleira, a aliñación esta xornada pode variar. "Case todos están a punto menos algunha mínima excepción", valora o técnico sen dar máis pistas sobre a convocatoria nin sobre os xogadores que xa están en condicións óptimas para disputar minutos.
En canto ao partido do domingo, Señor expón "varios escenarios" aínda que insiste que "o que máis importa é a nosa posta en escena. É esa liña que observastes e esa liña é a que hai que seguir. Os partidos gáñanse en 90 máis o engadido".
O adestrador do Pontevedra tamén tira de estatística para valorar ao Rayo Majadahonda que "meteu goles en tempo extra, ao principio... Pódenche marcar en calquera momento e esa estatística vale para tela en conta pero non é absoluta e determinante. Ten moi bos xogadores e temos que contrarrestalo dalgunha maneira".
Nese sentido, pon o foco na saída de balón e a xente rápida dun rival que "xoga con extremos ou medias puntas en banda a pé cambiado, outras veces modifícao durante o partido...", pero hai que poñer especial atención a David Rodríguez, "un home ao que non podes deixarlle nin un centímetro" e que leva dez goles. "Teñen moitos argumentos que nós temos que coidar e axustar pero sen perder a nosa identidade", concluíu.