Boa imaxe do Team Thunder en Asturias

Marín
26 de abril 2017

O club marinense participou nunha velada puxilística en Oviedo, na que logrou tres vitorias nos cinco combates que contaron con algún dos seus deportistas

Deportistas do Team Thunder na velada de boxeo organizada en Oviedo Team Thunder Marín

Satisfacción no Team Thunder de Marín polos resultados obtidos polos seus deportistas na velada de boxeo olímpico organizada en Oviedo polo Team Diamante asturiano.

O club marinense participou en cinco dos seis combates programados, obtendo ata tres vitorias que reforzan a moral dos púxiles pensando en próximos obxectivos.

Aarón González tiña enfronte un rival por encima do seu peso habitual, pero soubo ler a contenda e no segundo asalto esgotouno ata tal punto que terminou abandonando antes do asalto final.

Dani Rodríguez, que afrontaba o seu segundo combate, venceu ao boxeador local nun combate que dominou desde o inicio, mentres Carlos Padín gañou aos puntos despois dun vibrante enfrontamento. Os que non lograron saír vitoriosos foron Javi Amoedo, que cedeu aos puntos nunha polémica decisión para os marinenses, e Nico Nikei, no que supoñía o seu debut como boxeador.

O Team Thunder contará cunha nova cita a próxima fin de semana en Vigo, nunha velada organizada no Hotel Bahía na que estarán presentes Lorena Touriño e Carlos Padín.