Boa estrea do Arxil, que debuta na liga cunha cómoda vitoria (71-54) ante o ADB Araski

Pontevedra
26 de outubro 2014

O conxunto verde, apoiado nunha sensacional Maimouna Diarra, dominou o choque dende o inicio. O segundo cuarto resultou determinante para o resultado final

Partido entre o Arxil e o ADB Araski no pavillón do CGTD Diego Torrado

Contundente inicio de tempada para o Club Baloncesto Arxil, cun claro triunfo ante o recén ascendido Araski de Vitoria (71-54).

As verdes dominaron o encontro dende o inicio ante un rival que aguantou o tirón no primeiro cuarto, pero que no segundo parcial (19-9) viu como lle escapaban as súas opcións de vitoria.

O Arxil non viu perigar a súa renda no terceiro e cuarto período e mostrouse forte no que era o seu punto débil a pasada campaña, o xogo na pintura, con grande achega das súas fichaxes.

Así Ana Román asinou 9 puntos, Fallon Lewis 16 con grande acerto dende a liña de tres e Maimouna Diarrá realizou un partidazo alcanzando 24 puntos, 17 rebotes e 36 de valoración.

A próxima xornada o equipo pontevedrés visitará a cancha do Badajoz Basket Femenino, que perdeu na súa estrea ligueira ante o Celta Selmark.

CB ARXIL (71): Diarra (24), Ana Román (9), Ana Martín, Carla Fernández (4), María Lago (4) -cinco inicial- Aldara Vázquez, María González (9), Jara Tuda, Fany López, Díaz-Pache, Sandra Entenza (5), Fallon Lewis (16).

ADB ARASKI (54): Molinuevo (7), Uriarte, Laura Pardo (10), Khairy Thiam (14), Udenze (2) -cinco inicial- Arrate Agirre (6), Ioar Zamora (2), Itsaso Conde (13), Martínez de Santos.

Árbitros: González Escobar e Pérez Freire. Eliminada por faltas Arrate Agirre no ADB Araski.

Parciais: 20-17, 19-9, 17-12, 15-16.

Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada de Liga Feminina 2, disputado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.