Bea Gómez, María Vilas e Manuel Dávila estrean o grupo de alto rendemento en natación do CGTD

Pontevedra
27 de setembro 2013

O adestrador Fernando Zorzosa incorpórase ao equipo técnico xunto a Luisa Domínguez. "El objetivo fundamental es llegar a Río con más de un deportista en la olimpiada", sinala o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño

María Vilas, Manuel Dávila, Bea Gómez e Fernando Zarzosa no CGTD
María Vilas, Manuel Dávila, Bea Gómez e Fernando Zarzosa no CGTD / PontevedraViva

O grupo de alto rendemento en natación é xa unha realidade no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), onde estará instalada a súa base de operacións.

Alí adestrarán a partir de agora Bea Gómez Cortés e os nadadores ribeirenses María Vilas e Manuel Dávila, permanecendo así en Pontevedra baixo as ordes de Luisa Domínguez e do técnico recentemente chegado Fernando Zorzosa.

Estes tres deportistas poderán usar a piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur en busca das mellores condicións de adestramento co obxectivo claro de "llegar a Río con más de un deportista en la olimpiada", segundo sinalou na presentación oficial do grupo o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño.

Para favorecer a continuidade e crecemento deste grupo, ao que poderían sumarse no futuro outros nadadores, "hasta ocho o diez podrían tener sitio", o CGTD ha habilitado un novo espazo independente na residencia que poderán ocupar os deportistas de alto rendemento maiores de 18 anos, cun total de dez prazas.

Todo este proxecto foi posible polo incremento nas axudas, que permitiu a contratación dun segundo adestrador de natación no centro.

Así a intención é que un dos técnicos estea sempre á beira dos nadadores, incluíndo as concentracións que o equipo nacional realiza periodicamente en centros como o de Sierra Nevada.