Non está a ser o mellor campionato para Bea Gómez Cortés o Europeo que se está a celebrar estes días en Berlín, pero a bo seguro valeralle como aprendizaxe de cara ao obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río 2016.
Despois de despedirse o luns nas eliminatorias dos 400 estilos, este mércores a nadadora pontevedresa non puido meterse entre as mellores nos 200 estilos e os 800 estilo libre ao nadar moi lonxe das súas mellores marcas.
Bea logrou clasificarse para a semifinal nos 200 estilos tras lograr un rexistro de 2:14.16 pola mañá, pero xa en horario de tarde marcou un 2:14.43, máis de dous segundos por enriba daquel 2:12.09 que conseguiu no Open de España de Pontevedra en 2013, o que supuxo a súa eliminación.
Máis lonxe quedou nos 800 libre, onde tamén se despediu na clasificatoria acusando o casancio de nadar a proba anterior. Finalizou novena da súa serie cun tempo de 8:46.11, a case 20 segundos do seu mellor tempo e record galego (8:26.54) e tamén alonxada dos 8:30.27 que lle valeron unha medalla no Open de España de Palma deste ano e o billete a Berlín.
A deportista do Galaico non se despide aínda do Campionato de Europa. Este xoves afrontará o relevo 4x200 co obxectivo de pelexar polos postos de privilexio.