Beatriz Gómez Cortés deixará de adestrarse en Pontevedra. A nadadora olímpica pontevedresa, ata agora subvencionada polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), decidiu cambiar o seu lugar de residencia e preparación para mudarse a Madrid.
Gómez Cortés pasará a formar parte do grupo de deportistas da Real Federación Española de Natación no Centro de Alto Rendemento Joaquín Blume, na capital de España.
A deportista lerezana, que loitará en 2015 por clasificarse para os seus segundos Xogos Olímpicos, contará cunha bolsa deportiva e adestrará ás ordes do técnico Bartosz Kizierowski, pero seguirá competindo coas cores do Club Natación Galaico.
En Madrid coincidirá ademais co ata fai pouco director técnico do seu club, Álvaro Reiriz, agora na Blume tras aceptar un posto de adestrador que lle obrigou a deixar o seu cargo no Natación Galaico.
Ata agora Bea seguía adestrando en Pontevedra, onde integraba un Grupo de Alto Rendemento xunto a María Vilas e Manuel Dávila estreado hai un ano no CGTD.
Esta decisión non afecta ao patrocinio asinado no seu momento co Concello de Pontevedra ata o ano 2016, segundo confirmou o goberno local.