Baño de ouro para Arlet Ortiz e Iván García, do Mat' s de Marín, no nacional de combate de taekwondo

Pontevedra
24 de maio 2021

Sara Cortegoso, do Mace Sport de Pontevedra, contribuíu cunha medalla de prata aos bos resultados da expedición galega neste campionato de España

Arlet Ortiz, medalla de ouro no campionato de España de combate de taekwondo Federación Galega de Taekwondo

O taekwondo galego demostrou todo o seu potencial no campionato de España de combate celebrado a pasada fin de semana en Benidorm ao ocupar a primeira posición do medalleiro con dous ouros, dúas pratas e catro bronces no cadro feminino; e un ouro, unha prata e un bronce, no cadro masculino. Os máis destacados foron os taekwondistas do Mat' s de Marín, Arlet Ortiz e Iván García, que lograron a vitoria.

Na categoría de máis de 87 quilos, Iván García volveu demostrar que este ano é imparable e proclamouse campión de España por terceiro ano consecutivo despois de superar a Borja Sánchez, Julián Pérez e Genis Gilbert. 

Coas mesma solvencia resolveu Arlet Ortiz a súa participación na categoría de menos de 57 quilos. A deportista do cadro marinense derrotou a Anastasia Ignatyev, Nabila Djeda, Elena Torres e a María Beira na final. 

Tamén brillou a pontevedresa Sara Cortegoso, do Mace Sport, que logrou colgarse unha prata na categoría inferior a 46 quilos despois de vencer a Laura García e Gloria Ruíz. Na final a moza taekwondista non foi capaz de superar a Ana Jiménez.