Esixente proba para empezar a que tiña o Teucro de Luís Montes no seu primeiro partido de pretemporada. Os azuis visitaban a pista do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo, que deixou patente a diferenza de categoría e impuxo a súa superioridade para terminar gañando comodamente (28-23).
Aos teucristas custoulles entrar no partido, vendo freadas as súas accións ofensivas por un expléndido Javi Díaz, aínda que puideron minimizar danos coa súa boa defensa para chegar aos 15 minutos de partido cun curto 5-2 favorable ao conxunto local.
Foi precisamente o momento en que a lóxica falta de axuste dos de Montes permitiu ao Cangas comezar a despegarse, para irse ao descanso xa dominando claramente (16-9).
A vantaxe do Frigoríficos aumentou ata unha máxima de nove goles ao pouco de renovarse o xogo (19-10), pero o Teucro non baixou os brazos e soubo aproveitar algúns erros locais, xunto ao acerto en portería do arxentino Federico Wermbter, para cortar a sangría e mesmo recortar na recta final, aínda que sen chegar a inquietar ao Cangas, para pechar un primeiro choque fronte a un rival de Asobal cun digno 28-23.
BALONMÁN CANGAS (28): Javi Díaz, Vujovic (3), Muratovic, Cerqueira (2), Doder (2), Mitic (1) e Menduiña (4, 3 de penalti) -sete inicial-, Gerard Forns (p.s.), Simes (7,1 de penalti), Vilanova, Castro (3), Quintas, David Iglesias (2), Rubén Soliño (2), Gayo (1) e Peiró (1).
S.D. TEUCRO (23): Salazar, Iván (3), Moyano, Samu (3), Bojicic (1), Diego (2) e Dimitri (2, 1 de penalti) -sete inicial-, Federico Wermbter (p.s.), Roi (2), Cristian (4), Marco, Cisneros (2), José Andrés (2), Pérez e David (2).
Árbitros: Alberto Rodríguez e Julio Villanueva (Galicia). Excluíron dous minutos a Cerqueira polo Frigoríficos, e a José Andrés e Cisneros polo Teucro.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 4-1, 5-2, 8-4, 11-5, 16-9 (descanso); 19-10, 20-13, 24-17, 26-19, 27-20 e 28-23 (final).
Incidencias: Pavillón de O Gatañal (Cangas). Uns 300 espectadores.