Azul celeste para a segunda equipación do Pontevedra

Pontevedra
03 de setembro 2019

A camiseta suplente do Pontevedra presenta, na parte traseira, os números en cor granate e na zona do pescozo pode lerse o lema do club: Hai que roelo.

Segunda equipación do Pontevedra para o curso 2019-2020 Pontevedra CF

O Pontevedra segue soltando pílulas do que será o seu uniforme para a tempada que comezou o 24 de agosto. A semana pasada saíu á luz o deseño da camiseta da primeira equipación do conxunto de Pasarón e este martes o club fixo o propio coa segunda, na que predomina o azul celeste.

Nas súas redes sociais, publicaron unha imaxe frontal e traseira da camiseta que empregará o equipo fóra de casa cando xogue contra escuadras que vistan cores similares ao granate. Por diante destaca, sobre o fondo azul celeste, o escudo do Pontevedra e a marca Hummel en ton granate. Ademais, do mesmo xeito que co equipamento principal, no costado esquerdo vai impresa a silueta do escudo. Así mesmo, o pescozo é en pico e nas mangas poden verse as clásicas frechas desta marca de roupa tamén en ton granate.

A parte traseira desta zamarra presenta os números na mesma cor que a camisola principal e unha lenda na zona do pescozo na que pode lerse o lema Hai que roelo.

As reaccións dos afeccionados non se fixeron esperar, moitos recoñeceron que se parece á camiseta do eterno rival, o Celta; e outros botaron en falta algún detalle máis como o prezo ou a cor do pantalón e as medias, algo que o club anunciará cando reciba a mercadoría definitiva. Con todo, a maior parte da inchada mostrou o seu visto e prace á cor da camiseta que o Pontevedra xa lucira en campañas anteriores.