Así será a etapa de La Vuelta con final en Monte Castrove

Pontevedra
08 de agosto 2014

A etapa, con saída na Estrada, está prevista para o xoves 11 de setembro. A Deputación desvela o percorrido e a hora prevista de paso da caravana ciclista pola provincia

Paso de La Vuelta 2013 por Vilagarcía na 3ª etapa da carreira

O xoves 11 de setembro a Vuelta Ciclista a España volverá encher de cor as estradas da provincia na primeira das dúas etapas que se disputarán en Pontevedra.

O percorrido destas foi desvelado este venres na Deputación, ademais dos horarios previstos pola organización para o paso dos ciclistas polas diferentes localidades.

Con saída na Estrada ás 12:00 horas do día 11, o percorrido de La Vuelta contempla 157 quilómetros antes de chegar ao Monte Castrove, en Meis, final da décimo oitava etapa.

Despois de toda a cerimonia de saída, o pelotón encamiñarase cara a Cuntis, onde pasará sobre as 13:53 horas dirixíndose despois a Santa Lucía de Moraña (14:02) e Caldas de Reis (14:11). Dende alí proseguirán por Valga, Pontecesures e Catoira ata chegar a Vilagarcía (14:59), onde ascenderán o primeiro alto do día, o de Monte Lobeira (15:07) para encamiñarse cara a Vilanova (17:17) e Cambados (15:25).

Dende alí os ciclistas dirixiranse ata A Lanzada (15:51), onde tomarán a estrada costeira que lles levará a Portonovo (16:04) e Sanxenxo (16:05), seguindo despois o bordo da ría pola PO-308 para atravesar Poio (16:30) e chegar a Pontevedra (16:32), onde se encamiñarán de novo a Poio para encarar o tramo final da etapa.

Nesa parte final destaca o paso pola Escusa (16:46) para ascender por primeira vez o Monte Castrove (16:45) antes de descender cara a Samieira e Combarro (17:13) e volver encarar a ascensión, cunha chegada que se prevé cara ás 17:30 horas.

A Deputación de Pontevedra editou un folleto con todo este percorrido e os detalles do mesmo que dende este venres se reparte xa en todas as oficinas de información e turismo da provincia. O presidente provincial, Rafael Louzán, sinalou que a caravana de La Vuelta estará tres noites na provincia e que a súa presenza e a asistencia de visitantes deixarán un importante "impacto económico" nos distintos municipios. Ademais, insiste na proxección que supón esta competición deportiva para a imaxe de Pontevedra.

Un día despois da etapa entre A Estrada e o Monte Castrove a carreira completará un percorrido polo sur da provincia de 180,5 quilómetros entre Salvaterra do Miño e Cangas.

Arquivado en