Asegurar 500.000 euros de orzamento, obxectivo a contrarreloxo do Cisne para competir na Liga Asobal

Pontevedra
23 de maio 2022

Tras o ascenso conseguido de forma brillante na cancha, o club pontevedrés inicia unha carreira se cabe máis complicada a nivel económico para tentar confirmar o seu salto de categoría. "Vén o máis difícil, que é atopar un patrocinador. E mínimo necesitamos un que achegue entre 60.000 e 70.000 euros", recoñece o presidente cisneísta, Santi Picallo

Santi Picallo nas celebracións polo ascenso do Cisne
Santi Picallo nas celebracións polo ascenso do Cisne / Cristina Saiz

Tras o ascenso a Liga Asobal conseguido de forma brillante na cancha vencendo o Barça B no Municipal, o Club Cisne Balonmán inicia agora unha carreira se cabe máis complicada a nivel económico para tentar confirmar o seu salto de categoría.

A directiva pontevedresa púxose en marcha xa na procura de recursos para incrementar un orzamento que practicamente se dobrará para saír a competir en  Asobal, pasando dos ao redor dos 280.000 euros da presente tempada a "chegar aos 500.000 euros como mínimo", revela o presidente  cisneísta, Santi Picallo.

Para iso atopar un patrocinador principal privado pasa pola prioridade número un. Será "o máis difícil. E mínimo necesitamos un que achegue entre 60.000 e 70.000 euros", recoñece o dirixente.

Nesta particular contrarreloxo existe data tope para tomar unha decisión, que é o próximo 30 de xuño. "Temos marxe, pero hai que aceleralo", defende Picallo.

Nestes número o Cisne conta cunha esperada subida no canon que deberá abonar para competir en Asobal, ademais de que deberá contar cun mínimo de 10 contratos profesionais no seu plantel.

Precisamente a parte deportiva é outra parcela na que xa se pensa no club pontevedrés, primeiro pensando no banco onde Jabato "ten que decidir el" se lle gustaría continuar como primeiro adestrador porque "non é fácil atopar outro mellor", e despois pensando nunha nómina de xogadores que perderá os canteiráns Preciado e Virulegio pero na que seguirán sendo maioría os xogadores saídos da categorías inferiores mantendo a esencia do equipo.

Ademais a intención será "reforzarnos en determinados postos que son necesarios, e ver onde podemos facer o esforzo como fixemos con Gonzalo Carró", a condición de que os números cadren e se logren os apoios necesarios.