Asegurada a permanencia, o Bádminton Ravachol soña ao grande "cos play-off polo título e seguir facendo historia"

Pontevedra
13 de febreiro 2024

Co seu triunfo a pasada fin de semana en Madrid o conxunto pontevedrés asegurouse competir o próximo curso, por quinta tempada consecutiva, na División de Honra, pero agora quere máis e soña con facer algo grande na máxima categoría nacional

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Paracuellos no CGTD Cristina Saiz

Co seu triunfo a pasada fin de semana en Madrid o Club Bádminton Ravachol Pontevedra asegurouse competir o próximo curso, por quinta tempada consecutiva, na División de Honra, pero agora quere máis e soña con facer algo grande na máxima categoría nacional.

"O obxectivo principal está conseguido, seremos equipo de División de Honra por quinto ano consecutivo, agora só quédanos seguir soñando cos play-off polo título e seguir facendo historia para o bádminton pontevedrés e galego", afirmaba tras o encontro fronte ao paracuellos o capitán do equipo, Gabriel Fernández.

Non é para menos, e é que o Ravachol é actualmente colíder do Grupo A de División de Honra con 15 puntos, os mesmos puntos que o actual subcampión de Europa, o IES La Orden de Huelva.

"Esta tempada as cousas están a saírnos ben, a pesar de varias lesións importantes que minguaron o equipo. Afrontamos o tramo final da liga coa tranquilidade de ter o traballo feito, pero coa ilusión de poder alcanzar esas semifinais de División de Honra, algo nunca visto por un equipo galego desde que existe este formato de liga", recoñece pola súa banda o director deportivo e adestrador do Bádminton Pontevedra, Jesús Pereiro.

Chegados a este punto, todo é posible, e por iso esperan con ilusión a que será a penúltima xornada da primeira fase da liga, o próximo 25 de febreiro, data na que recibirán no Pavillón Municipal precisamente o IES La Orden nun encontro no que estará en xogo a primeira posición de grupo. O Ravachol xa venceu na ida (3-4) e pelexará por repetir na volta para seguir soñando con facer historia para o bádminton pontevedrés e galego.