A vista dos técnicos da Federación Internacional de Tríatlon ( ITU) a Pontevedra pechouse despois de dúas xornadas de traballo tras as que, segundo a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, "as sensacións son boas".
Os responsables da ITU participaron xunto a representantes das federacións española e galega, Servizo Municipal de Deportes e dirixentes de Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local nunha reunión na que se avanzaron detalles do operativo especial previsto mentres dure o ITU Multisport Festival.
A seguridade durante o desenvolvemento das competicións, o control dos circuítos e tamén a chegada masiva de atletas e afeccionados de múltiples países son os puntos clave do dispositivo, de gran complexidade ao ter que coordinar a celebración de cinco campionatos do Mundo en dez días, os de aquatlón, aquabike, dúatlon, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia.
Precisamente estas dúas últimas modalidades estiveron moi presentes na visita da ITU á Boa Vila, xa que os representantes federativos vestiron de curto para inspeccionar os circuítos previstos, que no caso da longa distancia será, se recibe o visto e prace, o mesmo que se utilice no Campionato de España do próximo mes de agosto co obxectivo de testear o seu correcto funcionamento.
A pesar da complexidade da organización do Multisport Festival, Pontevedra móstrase confiada da súa gran experiencia previa para evitar grandes problemas e que o evento sexa todo un éxito.