As Rías Baixas amortizan La Vuelta Ciclista a España

Pontevedra
31 de xaneiro 2013

A forte aposta que fixeron as Rías Baixas con La Vuelta Ciclista a España está sendo amortizada en Fitur cunha presentación do percorrido da proba deportiva ligada á promoción das cidades polas que pasará no verán o pelotón. A rolda española foi presentada, de novo, no pabellón de Galicia, polo director de Unipublic, Javier Guillén, que destacou a dureza desta edición, á que non dubidou en vaticinar que será "a mellor da historia"

Fitur

A forte aposta que fixeron as Rías Baixas con La Vuelta Ciclista a España está sendo amortizada en Fitur cunha presentación do percorrido da proba deportiva ligada á promoción das cidades polas que pasará no verán o pelotón.

A rolda española foi presentada, de novo, no pabellón de Galicia, polo director de Unipublic, Javier Guillén, que destacou a dureza desta edición, á que non dubidou en vaticinar que será "a mellor da historia".

Nun acto presentado polo xornalista Terio Carrera, repasouse o itinerario galego da serpe multicolor que arrincará cunha crono por equipos en Vilanova de Arousa desde unha batea de mexillóns.

"En Vilanova nada es imposible", apuntou o seu alcalde, Gonzalo Durán, pero "por si acaso repartiremos trajes de buzo", engadiu o ciclista Abraham Olano, agora director deportivo de La Vuelta. Falando de dificultades, esta etapa que sae dunha batea termina na Praza do Mar en Sanxenxo, e a rexedora da vila turística "con sello de calidad", Catalina González, propuxo que chegase ata o porto cruzando o paseo de Silgar "con organización todo se puede", animou.

A segunda etapa terá lugar o domingo 25 de agosto, sae da capital da provincia e chegará a Baiona concretamente na subida ao Monte da Groba. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, describiu á cidade como "el Caribe gallego".

"Fuimos el primer ayuntamiento que apostó por la Vuelta hace ahora tres años", recordou Lores en Madrid, "animo a todo el mundo a que se acerque a una ciudad multipremiada". Pola súa banda Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona, indicou que para el a dos ciclistas será "a segunda Arribada".

No medio deste bo ambiente, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, reivindicou o paso de La Vuelta polo interior e apuntou que "el cocido no da positivo en el control antidoping" polo que preparará un "cocido de verán" para o pelotón. Que como é iso? "Igual pero frío", explicou.

E aínda que Vigo tamén acolle unha etapa, apenas se fixo mención nun vídeo á cidade olívica, cuxo alcalde, o socialista Abel Caballero non asistiu á presentación.

Finalmente o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, mostrouse convencido de que La Vuelta ciclista a España 2013 será "un gran escaparate" para dar a coñecer Galicia e especialmente as Rías Baixas.

"Este evento de primera magnitud nos facilita la posibilidad de ofrecer los múltiples recursos de nuestra tierra. Daremos a conocer uno de los emblemas de Galicia", agregou o político pontevedrés. Esta cita deportiva vivirá cinco etapas en Galicia, aínda que permanecerá oito días na comunidade, e pasará por "máis de 40 localidades da provincia de Pontevedra".