Se o Pontevedra Club de Fútbol quere contar a próxima tempada cos dous canteiráns que o pasado ano fixeron as maletas para marchar ao Arosa de Terceira RFEF, Iñaki Martínez e Santi Figueroa, o club granate deberá negociar cos futbolistas e posiblemente tamén coa propia entidade arlequinada.
A pesar de que no club de Pasarón informou o pasado verán que se gardaba unha "opción de recuperación" sobre os dous canteiráns, o certo é que esa posibilidade xa caducou.
Segundo puido saber PontevedraViva, a cláusula incluída no pacto de saída de ambos os futbolistas tiña vixencia de só uns meses, ata o pasado mercado invernal, sen que desde a entidade granate se chegase a reclamar a volta dos xogadores.
Desta forma os dereitos do Pontevedra sobre Iñaki e Santi Figueroa son inexistentes. De feito o primeiro ten moi avanzada a súa continuidade no Arosa tras asinar un notable final de campionato e ser protagonista do seu equipo tamén no play-off de ascenso.
Iñaki participou esta tempada en 34 partidos cos de Vilagarcía, baixo as ordes de Luisito, dos que 22 actuou como titular. O atacante foi especialmente decisivo conforme avanzaba a liga chegando a notar 8 goles e cun total de 1.879 minutos acumulados.
A cifra de minutos é mesmo maior en Santi Figueroa, e é que o lateral destro xogou 31 partidos entre Terceira RFEF e play-off, todos eles como titular, chegando a conseguir un gol.
O terceiro futbolista que saíu o pasado verán do Pontevedra coa citada "opción de recuperación" foi o central Samu Santos, que fichou entón polo Arenteiro, aínda que no seu caso ao enrolarse no inverno co Celta C Gran Peña se tiña xa perdido a ocasión de repescarlo.