As instalacións deportivas municipais seguirán pechadas en xuño

Pontevedra
09 de xuño 2020

"Sería temerario e imprudente asumir o risco de abrir instalacións que non son necesarias", asegura o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández. A excepción será o pavillón Multiusos da Xunqueira, aínda que só para o uso exclusivo do Leis na súa preparación do play-off de ascenso á Segunda División masculina de fútbol sala

Reunión telemática do concelleiro de Deportes cos clubs da cidade
Reunión telemática do concelleiro de Deportes cos clubs da cidade / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra manterá pechadas as súas instalacións deportivas municipais durante o mes de xuño.

Así o confirmou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tras celebrar unha reunión telemática na que participaron os clubs deportivos da cidade así como o xefe de servizo de Deportes, Jaime Agulló.

"Sería temerario e imprudente asumir o risco de abrir instalacións que nestes momentos non son necesarias", sinalou o edil facendo referencia á situación actual, coas competicións paradas e as escolas deportivas finalizadas. Trátase dunha postura, asegura, que os clubs comparten "ata que a situación ofreza máis garantías".

A excepción a esta medida será o pavillón Multiusos da Xunqueira, posto ao dispor do Leis de fútbol sala para a súa preparación de cara ao play-off de ascenso a Segunda División, adestramentos que iniciaron este mesmo luns.

En base ao protocolo establecido para o Leis, os distintos espazos deportivos, auxiliares ou complementarios do Multiusos só poderán ser usados, previa autorización, e sen superar o aforo disposto en cada momento (20 persoas nas pistas polideportivas, 10 no ximnasio e 4 nos vestiarios). Ademais non se pode facer uso das bancadas e do ascensor e todos os membros do club deben usar máscara fóra dos deportistas no momento de desenvolvemento da sesión de adestramento.

22 DE XUÑO, DATA PROBABLE PARA A APERTURA DE CAMPOLONGO

Tras o encontro cos clubs Fernández explicou ademais que "a idea é que o Complexo de Campolongo poida abrir as súas portas ao público en torno ao día 22 de xuño, pero de momento non podemos dar unha data exacta".

Neste sentido a empresa adxudicataria das instalacións solicitou formalmente ao Concello autorización para reabrir presentado os obrigados protocolos de seguridade e prevención ante o Covid-19.

Dado que o contrato atópase actualmente suspendido, cando os servizos técnicos municipais examinen estes protocolos a petición deberá pasar obrigatoriamente por Xunta de Goberno Local para a súa aprobación.