As federacións teñen ata este luns para solicitar praza no CGTD

Pontevedra
13 de agosto 2023

Segundo publicou o Diario Oficial de Galicia, mantense o número de prazas en 160 estando distribuídas nun máximo de 105 prazas para o grupo de tecnificación e 55 prazas para o grupo de rendemento  

Instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)

As federacións deportivas galegas teñen ata o luns 14 de agosto como data límite para presentar as solicitudes de praza de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023-2024.

Segundo publicou o Diario Oficial de Galicia, mantense o número de prazas en 160 estando distribuídas nun máximo de 105 prazas para o grupo de tecnificación -84 residentes e 21 externos- que se distribuirán entre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato; así como 55 prazas para o grupo de rendemento -12 residentes (non podendo ser máis de 7 do mesmo sexo e como máximo 4 da mesma sección deportiva) e o resto externos ata completar as prazas ofertadas-.

Ademáis, tanto no grupo de tecnificación coma no de rendemento, resérvanse un 5% das prazas para persoas con discapacidade (en caso de non seren ocupadas pasarían a ser ocupadas pola cota ordinaria), e outro 10% para seren ocupadas durante todo o curso académico en función de situacións de urxencia ou necesidade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico.

A maiores tamén se se contabilizan a maiores un total de 20 prazas destinadas aos compoñentes dos equipos nacionais de piragüismo, que desde 2021 preparan o camiño olímpico cara París 2024 en Galicia.

Deste xeito, as prazas de tecnificación quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos (4 prazas de residente), bádminton (7 prazas de residente), judo (8 prazas de residente), loita (7 prazas de residente), natación pura e augas abertas (6 prazas de residente), natación artística (5 prazas de residente), piragüismo slálom (4 prazas de residente), piragüismo AT (17 prazas de residente), remo (4 prazas de residente), taekwondo (8 prazas de residente), tríatlon (7 prazas de residente), vela (4 prazas de residente) e ximnasia (3 prazas de residente).

Por outra banda, o pasado mércores, 9 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2023/2024.

En total convócanse 6 prazas de colaboradores -3 para cada sexo- co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria. As solicitudes poderanse presentar ata o 11 de setembro.