As federacións Española e Galega de Fútbol apostan por completar a tempada aínda que sexa máis aló do 30 de xuño

Pontevedra
18 de marzo 2020

"No terminaremos con la clasificación tal y como está ahora: lo consideramos una injusticia para el fútbol no profesional", asegurou o presidente da RFEF, Luis Rubiales, tras reunirse por videoconferencia cos representantes das diferentes federacións territoriais

Rolda de prensa de Luis Rubiales, presidente da RFEF RFEF

A reunión celebrada este martes por vídeoconferencia entre o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, e os diferentes presidentes das federacións territoriais, empezou a aclarar un pouco o panorama do que lle espera ao fútbol nacional unha vez se levante a alerta sanitaria provocada pola expansión do coronavirus.

Tanto Rubiales como o seu homólogo na Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, defenderon a idea de completar a tempada que se viu agora alterada, aínda que iso supoña superar o limiar do 30 de xuño, data na que expiran habitualmente os contratos de futbolistas e técnicos.

"No terminaremos con la clasificación tal y como está ahora: lo consideramos una injusticia para el fútbol no profesional", sinalou en rolda de prensa o mandatario nacional, que rexeita dar por nula toda a tempada ou retrotaerse aos resultados de metade de curso para establecer ascensos e descensos.

"Sólo nos queda la opción de terminar la temporada. Si puede ser antes del 30 de junio bien y si no, es algo a valorar", sinalou Luis Rubiales.

Esa opción, a de meterse en pleno verán, supoñería cambios na competición da próxima tempada 20/21 que habería que discutir posteriormente dependendo do calendario.

A RFEF defende esta formulación para as competicións nacionais que organiza, ademais das da liga de Fútbol Profesional, como son a Segunda División B ou a Terceira División.

A esta tese súmase tamén a Federación Galega sinalando que se se vai máis aló do 30 de xuño "habería que prorrogar a tempada competitiva, as licenzas, e a cobertura de accidente deportivo por causas de forza maior", explicou o organismo autonómico nun comunicado. 

Unhas propostas en todo caso supeditadas ao que aconteza durante as próximas semanas coa alerta sanitaria, xa que a competición non se retomará "ata que as autoridades sanitarias e deportivas do país consideren que xa non existe un risco para a saúde dos deportistas", sinalou a posterior circular da RFEF.