As escolas deportivas de Poio regresan a cifras prepandemia con máis de 700 menores inscritos

Poio
03 de abril 2023

O Concello de Poio ofrece subvencións por valor de 63.000 euros a clubs do municipio que ofertan un total de quince disciplinas deportivas difrentes

Presentación das Escolas deportivas de Poio Cristina Saiz

Despois de varias temporadas marcadas pola situación sanitaria, o exercicio 2022-2023 está a ser o primeiro da nova normalidade no eido do deporte. A concelleira responsable desta área no Concello de Poio, a nacionalista Marga Caldas, explica que a día de hoxe son preto de 700 os nenos e nenas de diferentes idades inscritos nas 15 modalidades ofertadas. Son disciplinas que se impulsan grazas á colaboración establecida cos clubs e entidades deportivas do municipio.

Precisamente, Marga Caldas recorda que o Concello ofrece subvencións nominativas a estes clubs, para garantir o bo funcionamento da base. Neste ano 2023 a contía total ascende a un total de 62.980 euros. Ademais, os clubs tamén ingresan de xeito íntegro as contías correspondentes as cotas por inscricións. A día de hoxe, as modalidades que ofrecen as Escolas Deportivas Municipais son fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, tríatlon, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, caiac-polo, atletismo, kickboxing, rugby e vela.

Ademais deste investimento, tal e como recorda Marga Caldas, as familias de Poio con menos recursos económicos están eximidas de pagar as cotas de inscrición á hora de darse de alta nalgunha das modalidades que ofertan os clubs. É o Concello quen asume eses gastos nos casos que están debidamente acreditados polo departamento de Servizos Sociais.