As do Arxil apóianse na súa afección e derrotan ao Rioja a falta de dous partidos para o final (81-73)

Pontevedra
30 de marzo 2019

As pontevedresas conseguen asegurarse a permanencia na categoría tras a vitoria no CGTD e prepáranse para o próximo partido ante o Segle XXI

Partido entre o Arxil e o Rioja ISB no CGTD de Pontevedra Diego Torrado

Dura pero produtiva xornada a do Arxil esta fin de semana. As pontevedresas recibiron no CGTD a un dos equipos máis complicados da categoría, o Rioja ISB, que, ademais, pelexa por manterse dentro dos postos de play- off. A pesar da dificultade do choque, que, a priori, resultaba difícil para as de Méndez, estas mantiveron o tipo e conseguiron sumar unha nova vitoria a falta de dous partidos para o final da tempada, asegurándose a permanencia en Feminina 2.

Comezou moi igualado o choque. Ambos os equipos moi fortes no plano ofensivo, aínda que cometendo algúns erros no defensivo. Isto fixo que os primeiros dez minutos finalizasen cun 21-22. O segundo cuarto foi ben distinto. O acerto de cara a canastra, sobre todo de Cassie Oursler (18 puntos), permitía ás locais irse ao descanso cunha renta de 10 puntos (43-33).

Tras a continuación, as visitantes volveron gañar algo de terreo aproveitando gretas defensivas das pontevedresas. Así, o choque chegaba ao último tramo co marcador mostrando un resultado moi axustado (55-54), pero  favorecedor para as de Méndez. Estas tiraron de orgullo, apoiáronse na súa afección e conseguiron demostrar que realmente si se pode. Cun parcial decisivo de 26-19, poñían punto final ao encontro e celebraron que a importante vitoria quedaba en casa (81-73).

Agora, tócalles ás pontevedresas facerlle fronte ao penúltimo partido do curso. A próxima fin de semana viaxarán a Barcelona para medirse, en choque directo, ao Segle XXI (rival directo), equipo ao que derrotaron as de casa o pasado mes de decembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Consulta a acta do Arxil-Rioja ISB.