Arrancan os actos de celebración do medio século de historia da UDC Vilaboa

Vilaboa
15 de xuño 2024

Con motivo desta data, a familia do Vilaboa ten preparadas unha serie de actividades que arrincaron este sábado cunha misa cantada en memoria dos directivos, socios e xogadores falecidos e a interpretación do himno do club

Presentación dos actos polo 50 aniversario da UDC Vilaboa Concello de Vilaboa

Arrancan os actos de celebración dos 50 anos de historia da UDC Vilaboa. Fundado o 10 de xuño de 1974, o club naceu baixo o nome de Santa Cristina por iniciativa de once persoas lideradas por Celso Baltasar Pintos. Dous anos despois da súa creación, adoptou o nome polo que se lle coñece hoxe en día.

Con motivo desta data, a familia do Vilaboa ten preparadas unha serie de actos que arrincaron este sábado cunha misa cantada en memoria dos directivos, socios e xogadores falecidos e a interpretación do himno do club, composto para esta ocasión polo director da Banda da Escola de Música de Vilaboa e tamén do Conservatorio de Cambados, Daniel Figueira.

A celebración continuará no mes de agosto cun dos eventos máis esperados: un triangular no que participarán a UDC Vilaboa, o CD Moaña (Preferente Galicia) e o Arosa SC (Terceira División), resaltando desta forma a importancia na vila dun club que supera os 300 socios.

No mes de setembro terá lugar a presentación dun libro que resume os 50 anos de historia do club e unha exposición con fotografías antigas da entidade, mentres que o día 14 haberá unha xornada de convivencia entre todos os xogadores que nestes 50 anos pasaron polo club, e que terá lugar no Campo do Cabalo e que busca compartir experiencias dos pequenos cos máis veteranos.

Así mesmo, ao longo da vindeira campaña, cando o club xogue na casa haberá un recoñecemento aos exdirectivos do club de xeito que cada semana unha das persoas que nestes 50 anos asumiron esta responsabilidade fará un saque de honor.