O Arosa tirou de épica este domingo fronte á súa afección para rescatar un punto dun encontro que parecía perdido. Pola súa banda, o partido entre Villalonga e Betanzos foi suspendido pola alerta meteorolóxica do sábado.
AROSA 3-3 ATLÉTICO ARTEIXO
E é que o conxunto arlequinado saíu durmido ao terreo de xogo, cedendo o balón a un Atlético Arteixo que se adiantou ao catro minutos de xogo tras un córner botado por Naya e que Otero cabeceou á rede sen oposición.
Estaban oligados a remar á contra os xogadores arlequinados, pero custáballes trenzar xogadas de certo perigo en área rival.
Con todo, co paso dos minutos o Arosa sentiu cómodo e, froito diso, chegaron as ocasións. Primeiro cunha falta desde o frontal que sacou Concheiro e despois cunha combinación entre Duque e Iñaki que acabou rexeitando un defensor.
Instantes despois, o mediapunta volveu ser protagonista tras un centro de Luís Castro ao que Compa non chegou, o balón caeu a Iñaki, pero definiu alto.
Chegaron entón os minutos que revolucionaron o partido. O Arosa fixo o 1-1 de penalti cun gol deComparada pero, dous minutos despois, todo veu abaixo. Óscar perdeu o balón e Joserra encarou dentro da área, con tan mala sorte que Samu Santos, na súa intención de frealo, agarrouno e foi expulsado. Nesa mesma falta desde a frontal, Fer volveu pór ao Atlético Arteixo en vantaxe.
A pesar de estar en inferioridade numérica o conxunto local non se botou atrás e seguiu disposto en atopar o empate, pero un remate clarísimo de Iñaki atopou cunha man sobre a liña de Néstor.
Despois do paso polos vestiarios os de Perú saíron mellor e gozaron de varios saques de esquina, aínda que sen excesivo perigo.
Foi en cambio o conxunto coruñés o que abriu aínda máis a ferida dos locais. Combinación Otero e Rojo, quen recortou a óscar e bateu a David Conde para anotar o 1-3.
Creceu o nerviosismo nas filas locais e o técnico moveu ficha coa entrada de Rivera e Hugo Villaverde en lugar de Comparada e Óscar.
E os cambios sentaron ben ao Arosa, e é que Rivera, a falta de 10 minutos, viu adiantado o gardameta rival e disparou desde o mediocampo, coando o esférico no interior da rede.
O tanto reviviu aos arlequinados, pero de novo o castelo de naipes veu abaixo. Dani Sánchez cortou unha internada ao bordo da área e viu a segunda amarela, deixando o seu equipo con nove futbolistas sobre o terreo de xogo.
Perú reordenou o seu equipo e entraron Torrado e Noel, converténdose este último no xogador decisivo ao ser derrubado dentro da área, o que supuxo o segundo penalti a favor dos seus.
Neste caso foi Rivera o que colleu o esférico e bateu a Néstor, desatando a tolemia entre a afección.
Xa na recta final do encontro, o Arosa resistiu e defendeu con uñas e dentes para salvar un punto vital de face á loita polo play-off.
Consulta a acta neste enlace
VILLALONGA-BETANZOS
O encontro previsto para o sábado entre Villalonga e Betanzos foi suspendido.
Desde o Concello de Sanxenxo anunciaron, tras a actualización dos protocolos da Xunta de Galicia por alertas meteorolóxicas para deportes federados, que todas as actividades ao aire libre debían ser suspendidas.
O partido disputarase, de acordo coa resolución da Federación, o xoves 1 de maio.