O Arosa di adeus ás opcións de ascenso directo despois de perder no Couto por 2-0. O conxunto ourensán sentenciou na segunda metade.
Durante a primeira parte apenas houbo ocasións, o terreo non estaba en boas ocasións e a circulación de balón non era sinxela. Por ese motivo, a chegada de maior perigo do encontro chegou aos 30 minutos, pero David Conde estivo atento para salvar o gol de Osián.
Xa no segundo período, o Arosa deu un paso adiante e fíxose con máis posesión, pero foi o conxunto local o que se topou co gol no minuto 70 de xogo. Guisande rematou case de costas un saque de esquina e bateu de cabeza a Conde para facer o 1-0.
Deu un paso adiante o equipo de Perú despois do tanto rival, pero non aproveitou as accións a balón parado. Unha delas, con polémica. Córner que tocou Samu no segundo pau e Compa anotou na área pequena, pero o asistente levantou o banderín e anulouno por fóra de xogo.
A raiz dese momento chegaron as interrupcións constantes por parte dos locais, que sentenciaron no 96 cando o Arosa estaba envorcado arriba. Migui estaba nunha situación un tanto dubidosa e nun tres para un Cellerino bateu por abaixo a Conde para pór o 2-0 co que concluíu o partido.
O conxunto de Sanxenxo segue na súa loita por escapar da zona de perigo, especialmente tras a derrota pola mínima en casa do Polvorín.
O equipo local deixou claras as súas intencións desde o minuto un cunha alta presión, mentres o Villalonga, incómodo, gozaba dalgunha que outra chegada a portaría rival pero sen demasiado perigo.
Despois do paso polos vestiarios, o filial lucense saíu decidido en busca do gol e logrouno aos 53 minutos. Freire puxo un centro ao corazón da área e Antón conectou un cabezazo para enviar o balón á rede.
Os locais seguiron buscando ampliar a súa vantaxe e chegaron a rozar o segundo tanto, pero Rodrigo, moi atento baixo paus, encargábase de impedilo.
O Villalonga non baixou os brazos e mesmo tivo serias opcións para empatar, pero neste caso foi o porteiro da Polvoreira, Candal, o que emerxeu para manter a portaría a cero.
Entrou o partido nos últimos 15 minutos e o Polvorín empezou a sufrir de verdade. Os celestes deron un paso adiante, pero a defensa local, ben situada, truncou calquera opción de empate para deixar o tres puntos na Cheda.